La Voz de Galicia

O callon

Relatos de Verán

Pedro Conde González

11 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Na miña aldeia non había traída de augas. Había nas casas unha fermosa sella de cores na que as mulleres carretaban o líquido elemento dende un lugar que chamaban “o callón”. Era unha pequena fonte da que manaba un pequeno chorro de auga. Alí tamén se xuntaban as mulleres para lavar a roupa.Para mín, aquel lugar era unha especie de paraíso terreal.

Miña nai agardaba ter un novo fillo, que me facía moita ilusión ós meus 6 aniños, porque non había na aldeia moitos nenos para brincar con eles. Pero sucedéu o que ninguén agardaba: miña nai deu a luz, pero meu irmán non tiña vida. A casa enchéuse de bágoas. Xa non tiña sentido aquel berce que eu coidaba con mimo como agasallo para meu irmán. De súpeto, veume á menta unha idea xenial: díxenlles ós meus pais e abós que non se preocupasen: levaríamos o neno ó callón, deixaríamolo alí unhos días e voltaría vivo á nosa casa. Os meus maiores deberon pensar “qué cousas máis raras se lle ocurren a este pícaro”. Non lembro día máis triste que aquél no que levaron a meu irmán ó cemiterio nunha caixiña branca , a lomos dun cabalo negro. Non me fixeron caso, nunca cheguéi a entender por qué os maiores non lles fan caso ós nenos. Parecía unha parvada, pero a miña proposta tiña moita sabiduría: o callón era sinal de vida, porque era o lugar no que xurdía o alimento máis puro e máis sano. Sólo o callón podía devolverlle a vida a meu irmán.

Fai unhos anos volvín á miña aldeia. O callón, sepultado pola maleza. A casiña derrubada. As leiras abandoadas. Un sólo veciño malvivindo. ¿Haberá forma de recuperar a vida no que foi paraíso terreal de tantos nenos galegos?

Desenterrar o callón, arranxar as casas, labrar as leiras, xuntar veciños en divertidas polavilas… ¿Será posible ou será unha parvada más dun pícaro de 75 anos?

Pedro Conde González. Xubilado. 75 anos. Vigo.

 


Comentar