Davide Salvado, a espiritualidade da música tradicional ibérica
Pontevedra
O artista de Marín presenta este xoves o seu novo proxecto, Permita Deus, no convento de Santa Clara
17 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Autodefínese como «un paisano con certa sensibilidade pola cultura que vive no rural galego e que é un apaixonado dos cabalos e da natureza, e que lle encanta ser montado pola natureza». Natural de Marín, onde naceu un 24 de xullo de 1981, Davide Salvado descubriu a música na adolescencia: «Son autodidacta. Aprendín pola miña conta, por pura paixón, porque escoitei unha vez a unhas mulleres cantando e descubrín que iso se facía en Galicia, que aínda quedaban mulleres vivas que facían iso e interesoume moitísimo».
Logo viría Ecléctica Ensemble —«collíamos pezas tradicionais recollidas en cancioneiros galegos de principios de século e o mesturábamos todo con tres voces, percusión e electrónica. Fixemos un disco que é unha marabilla, é unha peza case que de arte obxecto»— antes de dar o paso de actuar en solitario. Entón, «empecei a traballar con músicos en Galicia, a viaxar polo mundo e comecei a gravar os meus discos», apunta ao tempo que matiza que «nunca estiven nun grupo folclórico, sempre estiven un pouco alleo a ese mundo das formacións e dos grupos folclóricos».
E agora, un novo paso na súa carreira musical. Este xoves, a partires das nove da noite e dentro da programación do Día dos Museos, o artista marinense presentará o seu novo proxecto na igrexa do convento de Santa Clara de Pontevedra, Permita Deus. Trátase dun trío no que Davide Salvado se acompaña do violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado.
«Resúltame moi difícil falar de diferenzas na miña música porque para min é a mesma sempre», sinala ao preguntarlle que distingue esta formación dos seus anteriores traballos en solitario ou en Ecléctica Ensembre. En todo caso, e aparte do novo repertorio, recoñece que «nunca tiña tocado con guitarra eléctrica e efectos. É unha nova sonoridade porque, ademais da guitarra eléctrica, inclúe todos os sons procesados do violín e o moog».
Deste xeito, o público que acuda ao concerto organizado polo Museo de Pontevedra atoparase cun «espectáculo que está moi conectado coa miña espiritualidade, un espectáculo de escoitar, moi delicado. É moi de escoitar, de estar sentado e de gozar da música. Fago un percorrido por músicas tradicionais da península Ibérica, Portugal e España, e hai algo tamén suramericano. Basicamente, o repertorio que sempre me encantou e que este ano decidín incorporalo», resalta cando se lle pregunta ao respecto.
Con este trasfondo pode resultar ata chocante a presenza dunha guitarra eléctrica que parece asociarse a outras sonoridades. É un feito que asume o propio Davide, pero matiza que «é un tratamento de guitarra case onírico, moi tranquiliño».
Neste eido, precisa que a sonoridade galega ten rasgos identitarios propios, «hai un feito difrencial, pero non só na sonoridade, senón en todo, nas letras, na forma de tocar, na forma de cantar, nos temas que se elixían para cantar en determinadas situacións. Hai moito feito diferencial con respecto a outras rexións de España ou do mundo. Xa na paisaxe, Galicia é distinta».
No seu caso concreto, á hora de interpretar os temas, sinala que lle gusta que soen «moi agradables. Detesto os sons estridentes. Toco a pandeireta, pero intento darlle á música galega, á música tradicional unha dimensión agradable, que de gusto escoitala, que entendas que é algo superemocional».
Espiritualidade
En canto ao nome do novo proxecto, Permita Deus, explica que «me gusta moito a sonoridade. Eu que son un tipo bastante espiritual, dalgunha forma, gústame a palabra permita... Permitir, permitirse, permita, permitamos todos... Gústame. E encántame Deus. Gústame Deus como concepto. Lendo os poemas de Rosalía de Castro, no de Castellanos de Castilla aparece nunha copla ‘permita Deus'. Gustoume tanto como soa, o que significa e o que pode producir, a maxia que pode ter esta conxunción de palabras...» que non tivo dúbida algunha que ese tería que ser o nome da súa proposta musical coa que chega a cidade de Pontevedra.
Curiosamente, a presentación deste proxecto terá lugar nunha igrexa, xa desacralizada, iso si, un feito que para nada foi casual. Davide Salvado desvela que falou coa súa produtora e co seu equipo de traballo para por unha condición ineludible: «Non quero tocar este repertorio en calquera lugar. Non me apetece cantalo na festa gastronómica de ningún sitio e si en espazos un pouco distinguidos», apunta antes de precisar que o motivo desta condición atópase no feito de que «non é un proxecto que valga para todos os palcos», insiste.
Neste punto, alude ao que considera unha sorte de falta de respecto «involuntaria e comprensible» de quen, a modo de exemplo, «está comendo churrasco e alguén está cantando una balada, e dis: ‘Mira, chico, sigo co meu churrasco'. Eu non quero poñerme nesta situación», recalca incidindo en que o seu único obxectivo é que a xente vaia a ver o seu espectáculo e non recale nel de casualidade, algo que podería ocorrer en festas patronais ou en festivais de calquera tipo.
De igual xeito, ten claro que o feito de tocar no Día dos Museos é unha forma de reivindicar a música como patrimonio cultural, «aínda que sexa inmaterial. Ten que selo e a xente ten que sabelo, saber que é unha das artes máis conmovedoras que pode existir, pero tamén máis sanadoras e influentes».