La Voz de Galicia

Boborás convoca os premios Losada Diéguez para as obras editadas no 2017

Boborás

As publicacións deberán ter sido editadas ao longo do presente ano

01 Dec 2017. Actualizado a las 17:32 h.

Os concellos de Boborás e O Carballiño, co apoio da Deputación de Ourense, promoven dende mediados dos 80 os premios que honran a memoria de Antón Losada Diéguez. A convocatoria corre por conta dos concellos, alternando cada ano a organización dos premios, e Boborás anunciou onte a nova edición deste galardón. A trixésimo terceira edición dos Premios Losada Diéguez manterá os dous apartados que contempla esta convocatoria -Creación Literaria e Investigación e Ensaio- e a dotación económica dos mesmos: 6.000 euros para cada un dos dous premios. As obras que se presenten a concurso deberán ter sido editadas no presente ano natural, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2017, e estar escritas en galego. Non se admitirán publicacións escolares, por fascículos, obras premiadas con anterioridade en certames con dotación económica ou reimpresións. O prazo de presentación das obras a concurso rematará o 31 de xaneiro do 2018 e as mesmas deberán ser remitidas ao Concello de Boborás, por ser o convocante desta edición. O nome dos gañadores será dado a coñecer en abril e a entrega dos mesmos realizarase nun acto que se desenvolverá o 9 de xuño do 2018 no pazo de Moldes, lugar de nacemento de Antón Losada Diéguez. As universidades galegas, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo figuran no xurado.


Comentar