La Voz de Galicia

A Marea e o BNG, hoxe e mañá

Opinión

Lourenzo Fernández Prieto

11 Apr 2017. Actualizado a las 05:00 h.

As recentes asembleas de BNG e Anova e os pasos da Marea para intentar conformar unha dirección política confirman que un cambio de goberno na Xunta que desaloxe a dereita conservadora segue igual de lonxe que nas últimas eleccións galegas, ou máis. A outra pata posible e necesaria desa alternativa plural para mudar goberno e políticas en Galicia, o PSOE, nin está nin hai quen espere por el. Neste contexto, a acción política do PP consiste en criticar á oposición e darlle corda para que se enrede, pero nin sequera ten que desgastarse moito en enlamar o terreo. Para o primeiro sóbranlle argumentos e para o segundo sempre ten ideas frescas e todo un aparato institucional -valedora do Pobo incluída- cada vez menos neutral. 

A asemblea do BNG confirmou o sabido: que a organización que co-gobernou Galicia durante catro anos seguirá subida aos penedos esperando que baixe a Marea. Despois da clarificación dos últimos anos, tomar posición e aguantar é a consigna; máis doada de seguir despois dun resultado nas eleccións galegas que non esperaba nin o máis optimista. O proceso de clarificación devolveu o BNG ás restritivas marxes do seu partido matriz. A vontade de aguantar tería aproveitado máis despois da derrota do 2009, pois a estas alturas até os partidarios de aguantar despois de Amio abandonaron un tras outro, de Quintana a Vence, pasando por Aymerich. O problema do BNG -e sábeno ben- é que mañá será igual que hoxe. Ten bases sólidas para manter a posición pero non se ve como poderá recuperar a base que tivo. Nunca baixará de tres ou catro deputados nin pasará de 10. Segue reeditándose a si mesmo para agardar tempos mellores, repetindo o que fixo a UPG dúas ou tres veces dende a súa fundación.

Tamén a Marea e as súas ondas estiveron a reorganizarse nestas semanas sen seren quen de se sacudir esa impresión de tacticismo que tan chocante resulta en quen se presenta como transformador. A Marea non é -para ben ou para mal- unha forza convencional e por iso non admite solucións convencionais por máis que con elas busquen algúns facer socialmente máis útil o instrumento político mareante. Pola súa conformación o artefacto ten moitos centros, varias organizacións, diferentes culturas, varias xeracións e moitos referentes pero ningún sobrancea aínda dos outros. Carece ademais, e para ben, do hiperliderado co que naceu o Podemos madrileño e iso faina máis confusa pero tamén moito menos cesarista.

Se todos os referentes das mareas fixeran o papel que xa teñen, iríalle mellor ao conxunto nunha organización que ten tres alcaldes importantes a gobernar, ao voceiro da oposición parlamentaria que debe definir as políticas alternativas e máis un indiscutido referente histórico. O empeño en escoller líder da Marea só conduce á melancolía, porque os líderes non se escollen. Por iso a impresión de tacticismo, a sensación de que só pode quedar un. Regulalo todo, votalo, cambialo despois, mudar maiorías en vez de construír confluencias xa se sabe como acaba. Algúns xa teñen experiencia, non aprenden?


Comentar