La Voz de Galicia

Os galeguiños non somos problema

Opinión

Víctor F. Freixanes

16 Nov 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Viaxo a Madrid con relativa frecuencia. Por razóns profesionais, académicas e mesmo familiares. Tamén por razóns propias da industria da cultura, porque na capital do Estado seguen tomándose moitas decisións e, a efectos de proxectar o discurso cara a outros espazos, o que non pasa por Madrid (polas plataformas mediáticas que teñen alí o seu epicentro) parece que non existe. Este xornal no que escribo é o cuarto periódico de España en difusión, que non é pouco mérito, dada a nosa realidade demográfica, mais cando a prensa madrileña reseña os datos de audiencias, La Voz apenas aparece: unicamente as cabeceiras da capital, algunhas ben por debaixo, e se acaso algún xornal de Cataluña.

Poño o exemplo deste periódico porque é representativo. Hai poucas semanas, a cultura galega mereceu a honra do Premio Nacional de Tradución pola versión do Ulises (Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle). Na prensa española e nas grandes cadeas de radiodifusión non foi noticia, ao contrario que calquera outra das categorías premiadas. E non é a primeira vez. Cando Chano Piñeiro quixo presentar hai 25 anos a súa película Sempre Xonxa nun cine da capital, tivo que alugar o local do seu peto, coma un favor especial que lle fixeron. Entre outras cousas, ninguén entendía que a película fose rodada en lingua galega, o que explica en parte que a produción cinematográfica nosa derivase nos últimos anos cara ao castelán, porque se non está rodada orixinariamente en castelán, a difusión exterior non se activa, mesmo que a versionemos neste idioma, e as distribuidoras nin sequera a consideran.

«A etiqueta de galego non vende», advertíanme hai pouco responsables dos medios españois ao presentar o lanzamento de Mar Maior, un proxecto editorial que dende aquí intenta abrir espazos, fiestras para que corra o aire, cara a dentro e cara a fóra. E cando intentei explicar, unha e varias veces, que se trataba de crear espazos de relación para compartir mesmo unha idea común de España (a España plural, non monolítica) porque de feito esa España da que falamos é unha realidade pluricéntrica, bastante máis aberta do que reflicten as tertulias radiofónicas e os círculos pechados de distribución de etiquetas, os responsables das páxinas de cultura responderon: «Os galeguiños non sodes problema».

Nunca me gustou esta expresión: o problema catalán, o problema vasco? Porque, dende unha perspectiva democrática, que é a que defendemos moitos, a diversidade (tamén lingüística) en ningún caso a concibimos coma un problema, senón coma unha riqueza, un activo común que deberiamos saber administrar, xestionar, mesmo proxectar ao mundo, porque Salvador Espriu, dende esta perspectiva, tamén é noso, igual que Aresti, Federico García Lorca, Antonio Machado ou Miguel de Cervantes. ¿Separatismos soberanistas? Eles son os separadores, dicía Castelao. E nestas estamos, para intentar comprender o que nos está pasando. A todos. Aos galeguiños tamén.


Comentar