La Voz de Galicia

A vella nova política

Opinión

Miguel Anxo Bastos Boubeta

06 Jul 2014. Actualizado a las 07:00 h.

O cliché do político novo e reformador que vai cambiar as vellas prácticas políticas e traer ilusión, rexeneración e reforma é xa unha idea vella e gastada, pero que segue a funcionar. Puidemos observar este modelo claramente en Kennedy, quizais o seu maior expoñente neste século, en Tony Blair, en Obama ou, entre nós, en Zapatero. E todos eles non fan máis que agochar baixo moito márketing e políticas de imaxe as carencias de discurso sólido e principios, e ao final tiveron que facer uso das vellas mañas da política. Curiosamente son políticos vellos e pouco modernos, como Thatcher ou Kohl, os que emprenderon reformas de calado político, probablemente porque o que querían era gobernar, non ilusionar ou modernizar nada.

Un dos expoñentes desta vella nova política dos que máis se fala na actualidade é Nicolas Sarkozy, que é un exemplo claro do dito. Tras traizoar ao seu mentor, Jacques Chirac, facendo uso de filtracións interesadas, logrou facerse coa presidencia de Francia fronte a un dividido Partido Socialista e configurar un partido de curioso nome (UMP, Unión para Maioría Presidencial) sobre os restos do vello gaullismo. Por suposto na súa campaña non esqueceu a vella retórica de presentarse como o modernizador e renovador de Francia, o encargado de espertar as súas enerxías latentes. Pero, como era previsible, levou a cabo unha xestión mediocre, plagada de escándalos que agora lle pasan factura, cambiando de principios segundo o requerían as circunstancias e por suposto non conseguiu renovar para nada a anquilosada política francesa. A súa xestión da crise foi mediocre e pasou de defender o mercado libre a propugnar o dirixismo estatal, chegando a torcer a man do seu compatriota Trichet, nas súas ata o momento acertadas medidas de política monetaria. Por último, quixo tapar a súa mediocre xestión con guerras no estranxeiro, pretendendo traer a liberdade e a democracia a Libia, cos resultados nefastos e previsibles que estamos a ver, derrocando a Gadaffi, vello aliado político seu e presumible contribuínte as súas campañas electorais.

O pretendido renovador tivo ao final que facer seus todos os peores trucos da política vella e denostada, como leva facéndose dende sempre, e como me temo que terán que facer outros supostos renovadores como Renzi ou como está a facer Obama. Por desgraza, o modelo do novo político xa é vello de máis como para non coñecelo.


Comentar