La Voz de Galicia

Sinceramente

Opinión

XOSÉ CARLOS CANEIRO

29 Nov 2006. Actualizado a las 06:00 h.

A AFIRMACIÓN resulta categórica: «El debate está en la calle». Por tal motivo, porque hai debate, a institución monárquica anunciou o sexo da nova infanta. Toda España, que debatía intensamente esta cuestión, respira aliviada. A min os dedos pedíanme escribir sobre tal asunto pero quero deixalo á marxe, a pesar de que o debate resulta intenso e interesante. Preocúpanme outras cousas. Preocúpame que o sono asulagado reine neste reino de chuvia, «imprevista». Preocúpame que cincuenta alcaldes do Partido Popular, en comitiva, agarden polo director xeral de Montes. Resulta preciso recordar que Blanco Casal explicou no Parlamento todo o que tiña que explicar pero os populares, que agardaban ás portas do xulgado, non tiveron a ben escoitar as explicacións do Goberno lexítimo de Galicia: levantáronse cando o director xeral tomaba a palabra. No xulgado, os populares intercambiaron lotería: porque a sorte está do lado deste país asulagado, incendiado, alicaído. Sen debate. O debate que me interesa está escrito na costa, onde os especuladores queren especular co noso futuro e pechalo para sempre. A cincocentos metros do paraíso. Está, o debate, na corrupción que parece nadar nas augas turbias do fútbol (o corpo tamén me pedía escribir sobre o Balón de Ouro a Cannavaro, pero por respecto ao fútbol, precisamente, non vou facelo). «El debate está en la calle». En Vilagarcía, Caldas... o debate é outro. En Gaiás, no AVE que non arriba, no paro, no gasóleo ilegal, na cocaína e nas pastillas de moda, no declive da intelixencia... «El debate está en la calle». España exuda alegría mentres os analistas monárquicos interpretan o devir da Coroa. Mañá, que chega decembro, colocarei a árbore de Nadal en honor ao debate. Feliz embarazo, maxestades. Sinceramente.


Comentar