Couto á Babel
Opinión
02 Oct 2006. Actualizado a las 07:00 h.
ANÚNCIASE a entrada de dous novos Estados na Unión Europea, ambos con idiomas de importante base social, o romanés e o búlgaro. Cada idioma que entra na UE supón, como mínimo, uns sesenta tradutores máis no Parlamento, alén dos intérpretes. O curioso é que linguas coma a maltesa e a irlandesa, carentes de base social, sexan oficiais na Unión e teñan un estatus que obriga a gastos e facilita trapalladas. Malteses e irlandeses poden argumentar que as teñen por maternas, o cal lles supón partiren coa vantaxe dun idioma -virtual- propio á hora dos concursos para funcionarios das institucións europeas. Notorio é o caso de irlandeses que ante os tribunais de ingreso aducen dominaren dous idiomas comunitarios, condición necesaria para optar a moitos postos. Á parte do inglés, seica falan gaélico. Mais o ensino do gaélico na Irlanda é aínda peor có do galego no Impaís, de xeito que «case ninguén» é capaz de se defender na lingua que os fillos do Eire abandonaron a favor da do imperio que os asoballou. E o malo para os ousados opositores é que pode haber algún galego bo coñecedor da Irlanda, consciente dos desastres lingüísticos dos pobos con gaita ao fondo, que presida tribunal da UE e sexa xusto. Iso pode levalo a facer unha pequena lista de termos vulgares en gaélico e examinar deles os supostos falantes da lingua case extinta; co resultado de respostas nulas, consecuente acusación de mentira e suspenso na oposición... Dese xeito, polo ben da Unión, vaise pondo couto á Babel de Bruxelas.