De cando a morte de Franco...
Opinión
20 Nov 2005. Actualizado a las 06:00 h.
HOUBO un preludio duns vintetantos días dela no que arreciou o temor de que os ultrafranquistas voltasen a facer unha desfeita cos que se tiñan por antifranquistas. Nese intre unha presa de amigos cruzaron a fronteira de Portugal e outros fóronse das súas casas a outros lugares. A cousa non era para menos pois circulaban listas, de dudosa procedencia, nas que figuraban os sospeitosos de non ser afectos á causa de Franco, e algunhas advertían de dar unha lección coas nosas vidas, e digo as nosas vidas porque nunha desas listas vin o meu nome. As miñas dúbidas da procedencia desas listas viñan de que os males que tiña coñecido viñeran por sorpresa. Neste preludio veu refuxiarse na miña casa de Sargadelos Xesús Alonso Montero. ¡A mal sitio se lle ocurrira vir!, pois se alguén buscaba roxos penso que estaban nesta casa, e, precisamente en Sargadelos, pois poucos días antes o capitán da Garda Civil, señor Freire, casado cunha dona de Cervo (aos que o pasado verán poiden saludar en Cervo e recordar esto) logrou paralizar a outro capitán do mesmo corpo e a un número que o acompañaba, pertencentes ao Servicio de Información do Goberno que ficaban na comarca facendo unha investigación, pois en Madrid tiñan coñecemento de que en Sargadelos recibíase o ouro de Moscú co que se financiaban en Galiza os movementos antifranquistas. A cousa era que levabamos cinco anos cun pleito que inventaran uns socios para dominar en Sargadelos, e o poderoso avogado que os asistía tiña ascendentes en Madrid para lograr atacar, por vía política, dende a Presidencia do Goberno, ademais do que facía por esta misma vía política na Coruña. (O capitán Freire coñecíanos e sabía que a denuncia era unha patraña). Logo duns días, o medo foi desaparecendo e Alonso Montero reintegrouse no seu traballo en Lugo. O temor a unha represión foi desaparecendo cando os militares e os políticos máis responsables declararon en Madrid que os grupos opostos ao réxime nada tiñan que temer. Así cando as entidades médicas de Europa protestaron pola animalada que estaba faceno o marqués de Villaverde co seu sogro gastando todo o sangue que había no país, por fin deixaron morrer ao Generalísimo. E Xesús Alonso Montero coido que non se moveu da súa casa, e eu coa miña muller fumos ver as Médulas do Carucedo, logo de deixar posto un telegrama de condolencia á viúva, ao Pardo, pois con ela as empresas e máis eu tiveramos moita relación. O pleito dos meus socios seguiu aínda anos como o franquismo, que aínda segue, e canso de silenciar as miñas protestas acusei ao célebre avogado e á Xustiza de corrupción fronte a un notario que me advertiu que el tiña que dar conta disto, co que eu estaba conforme. Procesáronme por desacato, pero ao poderoso avogado ninguén o quixo defender. Alguén pensa que a historia canonizará a Franco, e todo pode ser porque cousas peores consagráronse na historia e Franco non pasou de ser un peón movido polas forzas que o mantiveron no poder 40 anos, como hoxe manteñen a Bush as forzas terroristas de colo duro en función dos seus mouros intereses, acubillados polos propios de Estados Unidos e Gran Bretaña.