Máis de incendios
Opinión
30 Aug 2005. Actualizado a las 07:00 h.
OUTRAVOLTA o mesmo artigo de todos os veráns. Pero máis cargado de bombo. Ardía o monte co Goberno eterno e arde o monte co Goberno novo. Ninguén pedíu aínda explicacións que sonaran a botar máis leña ao lume. Pola contra abundan os amigos da continuidade, empeñados en que Galiza ten un dos millores servizos contraincendios do mundo e que non hai alternativas á política forestal da última era. Pero non deixa de ser chocante que esta sociedade teña obriga de custear o millor servizo contraincendios público en plena era neoliberal, cando temos que pagarnos a seguridade privada. Non é cuestión de valor medioambiental. Ninguén pode demostrar que ten máis valor ecolóxico un eucaliptal que unha horta ao uso do bon labrador. Como tampouco un piñeiral cheo de frouma que un souto deses de combustión imposibel. O monte seguirá ardendo nos veráns secos e nunha parte é inevitabel, noutra parte a solución pasa por outra política para o medio rural que supere a identificación entre monte e espazo forestal. Non se trata só doutra política forestal. Os servizos de extinción poderán funcionar millor (mesmo sen pirómanos), levando á perfección a principal solución proposta pola Administración anterior. Os dereitos de propiedade poderán clarificarse ao máximo, como propoñen liberais e neoliberais dende hai dous séculos, aínda que nunca lograron evitar que Galiza conte coa máis importante proporción de monte veciñal de Europa. A xente do campo poderá recibir toda a cultura selvícola posibel, como propoñen algúns paracaidistas ilustrados, empeñados, coma sempre en que a xente da aldea é mui inculta. Todos os pirómanos poderán ir ao cárcere, como prometen lóxicamente os responsabeis políticos, pero o monte seguirá ardendo. Aquí volvo a un artigo vello. Todos os anos abundan as noticias de supostos pirómanos septuaxenarios e octoxenarios, algúns mesmo morren no intento ¿Ninguén se pregunta que fan esas xentes? Se o comprendéramos teríamos unha información preciosa. Pode que fagan o que fixeron sempre, o que agora xa non fai ninguén. Rozan as silvas e queiman a broza para que o agro non se faga bouza, para que o monte non chegue ás casas. Pero xa non están en idade e perderon xeito. Son os antigos constructores da paisaxe enfrontando unha anormalidade histórica. O monte en Galicia nunca tivo tantas árbores, era un espacio vital para a agricultura á que aportaba toxo e outros materiais para a fertilización, pastos, leñas. Convertiuse en bosque nos últimos sesenta anos polas políticas de repoboación e desagrarización. Os novos montes arborados son expresión do abandono agrario: alí onde veigas e prados plantáronse de árbores. Plantouse para abandonalo non para atendelo. O monte cerca as casas e vai colonizando as leiras a bravo. A primeira imprudencia foi facilitar que todo o espazo agrario se convirta en espazo forestal. A era Fraga retirounos da historia tamén neste asunto. Deixounos instalados na furia repoboadora da época en que se plantaban eucaliptos en Doñana, cando aprendimos a cortar os carballos novos para que puideran sair as novas especies. Avanzamos muito pero non tanto. A repoboación forestal segue tendo millor prensa que calquera outra opción para o monte. Pero non é a única nin debe seguir sendo a preferente para o medio rural.