¿U-lo pobo?
Opinión
13 Aug 2004. Actualizado a las 07:00 h.
NUNCA o pobo chan -xente, xentiña, xentalla-, tivo protagonismo na sociedade. A Igrexa, a pesar dun Xesús que privilexia os humildes, ela distingue entre o pobo sinxelo: «laos», en grego, laico mentres «kleros» indica selección. O Romanticismo do século XVIII sublimou ao pobo sinalando a importancia da súa cultura («folclore»), o espírito, «Volkgeist», ou alma do pobo. No Concilio Vaticano acadouse falar primeiro do pobo de Deus, de igualitarios polo bautismo e o sacerdocio común. En segundo termo viría o referente á xerarquía. A liturxia da festa da Asunción usurpa para a Virxe un texto apocalíptico que en orixe se refire á cidade santa, Xerusalén, esa filla de Sión loada noutras ocasións. O Apocalipse di: «apareceu no ceo un magnifico sinal: unha muller envolta no sol, coa lúa baixo os seus pés e na cabeza unha coroa de doce estrelas. Estaba preñe, berraba polas dores do parto Mesías, que venerá o satánico dragón».