Visita ao Smithsonian
Opinión
21 Sep 2002. Actualizado a las 07:00 h.
WASHINGTON, verán do 2002. Na América demudada polas pancadas de Al-Qaida, no fondo, nada mudou. Por comparar coa Arxentina, nos Estados Unidos mandan os crioulos en canto na República do Prata deixaron sitio ata a un turco . Bush, que mira os turistas desde o seu helicóptero verde, é un WASP, un crioulo inglés, da raza que construíu o maior imperio da Humanidade, que se meteu no empirismo científico sen receos, que iniciou a Revolución Industrial... Smithson ( fillo de ferreiro ; non Smith, ferreiro a penas) era inglés, e legou unha marabilla museística á nación herdeira da súa. Seguramente ficaría atónito no museo da súa fundación que visitan europeos ávidos de avance técnico, envexosos da ingenuity ianqui, que nada ten de inxenua e todo de enxeñosa. No Smithsonian dos avións e os foguetes, catedral do enxeño, o viaxeiro aprende que levamos un século de competencia transoceánica: científicos, técnicos e soñadores veñen inventando e sometendo a proba e corrección os seus inventos, aquén e alén do océano que nos une. Pero os ianquis estaban destinados a gañar. Porque son moitos, cheos de riquezas naturais e tan agresivos coma os seus curmáns ingleses, cabaleiros e corsarios. Nas mans de América Viuse que gañaban sen remedio á fin da Segunda Guerra Mundial, cando o dólar deu cabo da libra e Nova York substituíu a Londres. O museo mostra como as máquinas de computar e as de voar -ata a Lúa- fixeron matrimonio sólido nos EE.UU. Como Europa só conseguíu remontar voo gracias aos ordenadores americanos. Os chips californianos son unha commodity , coma os grans. Europa está nas mans da América, que lle vende circuítos integrados e millo. Inglaterra é o intermediario dos dous mundos e cómpre botarlle incenso.