CHAMARSE ANTONIO
Opinión
CARLOS CASARES Á MARXE
27 Nov 2001. Actualizado a las 06:00 h.
O luns pola tarde estiven en Madrid, no Congreso dos Deputados, para participar nos actos de homenaxe a Alfredo Vicenti, un periodista galego moi importante no seu tempo e hoxe case esquecido. Cando me tocou falar, dona Soledad Becerril, antiga ministra de Cultura, presentoume como Antonio Casares. Non andivo moi lonxe porque así se chamaba un tío avó de meu e así se chamaba tamén aquel ilustre sabio, catedrático da Universidade compostelana, a quen as mulleriñas de Santiago tiñan por santo, cando un día o viron saír ardendo da botica, onde facía un experimento, para tirarse vestido na fonte do Toural. Se digo a verdade, non me importaría nada chamarme desa maneira, en tan grata compañía onomástica, pero ocorre que me chamo de outro xeito, polo cal me vin obrigado a acalarllo á miña xentil presentadora. Non é a primeira vez que me pasa nin será a última, supoño. Unha vez, don Enrique Tierno Galván empeñouse en chamarme Pajares durante horas, a pesar de que o novelista José Luís Sampedro o corrixía unha e outra vez inutilmente. Por certo que Tierno parece que tiña ese costume, segundo me contou Gómez Llorente, a quen o vello profesor se dedicou a chamarlle señor Torrente durante unha longa reunión do partido, cando os dous militaban nas filas do socialismo. Ó despedirse, o rebautizado esperou a que don Enrique consumara unha vez máis o despiste voluntario e logo, chegado o seu turno, deulle a man e díxolle: «Siga bien don Fadrique». Tamén Borges facía esas cousas. A min non me importan, quizais porque desde neno sei que o nome que lle cae a un é como a lotería, pois estiven a punto de chamarme Venicio. Así que eso de Antonio foi case un piropo.