ARMAS E ARMAS
Opinión
CARLOS CASARES
22 Nov 2001. Actualizado a las 06:00 h.
O outro día vin na televisión que os policías do Pakistán disolven as manifestacións a pedradas e que, en vez de porras, empregan paus. Nun enfrontamento cun grupo radical, un dos axentes quedou sen o garrote que empuñaba, o cal lle foi arrebatado por un coxo, non para utilizar como bastón, senón para darlle con el un palistrocazo na cabeza. O policía caeu redondo no chan, sangrando pola fronte, pero de seguida se recuperou e botouse a correr detrás do coxo. Cando o alcanzou, quitoulle o pau, devolveulle os golpes e logo foi á percura de outro manifestante, a seguir dando estopa. Entón xa o perdín de vista. Onte lin nalgún periódico que a véspera, nunha roda de prensa con periodistas occidentais, a policía dos talibáns disolvía ós curiosos mandándolles cousas á cabeza: unha mazá, un zapato vello, unha pedra, calquera artefacto que poidesen atopar na chan. Resulta sorprendente que nun lugar tan violento, as forzas de seguridade se comporten desa maneira e dispoñan de armas tan elementais. Só lles falta empregar rabos de escoba. Hai uns anos vin tamén nunha cadea española de televisión a un pai de familia que tiña problemas coas autoridades por culpa dun fillo pequeno, aínda que non recordo o motivo. Só me lembro dun home duns trinta anos, con cara e palabras de infeliz, dicindo coa voz dun neno asustado diante das cámaras: «Si no me devuelven a mi hijo, cojo un palo y no respondo de lo que pueda pasar». Son as armas dos pobres. Hai tamén as dos ricos: avións de guerra, tanques, misiles... E hai ademais as armas da xente ruín. Normalmente, ese tipo de persoas usan a cabeza. Non para pensar, senón para convertir o pensamento nunha bomba.