La Voz de Galicia

OUTRA RECONVERSIÓN

Opinión

BENXAMÍN CASAL

27 Sep 2001. Actualizado a las 07:00 h.

A aparición da enfermidade das vacas tolas leva causado importantes danos á gandería galega. Amais dos danos directos, a desconfianza xerada diminuíu fortemente o consumo, sen que se vexan posibilidades de recuperación da demanda ó non haber perspectivas de solución da enfermidade a prazo medio. Perante esta situación o Goberno español pretende frea-la producción e para iso elaborou un programa de reestructuración do vacún de carne. Estamos fronte a outra reconversión que vai afectar a un sector estratéxico do noso aparato productivo. Os productores cren que, tal como está concibida, obrigará a pechar milleiros de explotacións familiares. Prevese que tódalas medidas que se adopten deben respecta-lo medio, protexe-la seguridade alimentaria, informar ó consumidor sobre o producto e garanti-lo benestar dos animais e para a realización destes obxectivos, incentivaranse os modos de producción que se estimen máis axeitados. Os métodos de producción utilizados hoxe en día poden reducirse a dous: o dos cebadeiros, sen terras, provistos de tenreiros procedentes de explotacións leiteiras, con alimentos de fóra da explotación; e o método tradicional no que os xatos son fillos das vacas nais da propia explotación a cal dispón de suficiente superficie para producir alimentos para todos estes animais. Se o Goberno quere primar ós gandeiros con máis posibilidades de afronta-la crise, atendendo só a criterios economicistas, a producción dependerá duns cebadeiros abastecidos con tenreiros procedentes de cortes de producción leiteira intensiva e cunha alimentación con riscos para a saúde humana e animal. Tamén, a causa das cargas gandeiras excesivas, aumentarán a contaminación de solos e augas e a polución atmosférica. Se a capacidade futura de producción se reparte en función da actual, cométese o grave erro de medi-las posibilidades de producción polo efecto derivado sen ter en conta a real capacidade productiva que reside no capital bovino representado polas vacas nais. Galicia xera o 15% da carne producida en España, mentres que posúe máis do 22% das femias productoras. Distribuír en proporción á producción cárnica de hoxe supón aceptar unha situación e unhas fórmulas que deron lugar ós problemas que padecemos. En troques, repartir segundo o potencial de femias asegura a continuidade do sector ó asentalo sobre a terra e as vacas. Cómpre apostar por modos de producción, como o tradicional galego, que contribúan a mellora-la imaxe do sector gandeiro e a recupera-la confianza dos consumidores. Por riba protexeranse as razas autóctonas, as zonas desfavorecidas onde elas están establecidas e a agricultura biolóxica que veu sendo o modo habitual de producción en Galicia dende hai séculos. Sen esquecer que a habelencia dos nosos gandeiros, en materia de producción de xatos, como dixo A. Bouhier, permítenlles obter uns resultados comparables ós dos mellores tenreiros de Francia, os famosos de St. Etienne.


Comentar