ACABAR COS ABUSOS
Opinión
CARLOS CASARES
31 Jul 2001. Actualizado a las 07:00 h.
Non sei se será certo eso que lin onte respecto de que o rei Gustavo III de Suecia acabou cos abusos do seu país no século XVIII. Semellante afirmación chocoume tanto como aquela outra que lin hai pouco, e da cal falei aquí nunha ocasión, de que a raíña dona María Luisa de Parma (a señora desdentada, con cara de subela, que tan maxistralmente pintou Goya no retrato que fixo da familia de Carlos IV), da que sempre pensei que fora un pendón, era reivindicada por un historiador como unha muller, senón virtuosa, polo menos non tan golfa como se tiña dito ata agora. Oxalá que sexa así e que estea no ceo. O de que Gustavo III acabou cos abusos non deixa de ter gracia, aínda que tamén poida ser certo. O que pasa é que el cometeu un dos grandes abusos que se poden cometer, e que só poden ser levados a cabo por unha persoa cun poder absoluto, como un tirano. Para dicilo dunha maneira sinxela, este monarca ilustrado, que favoreceu as artes, quixo matar a un home a base de facerlle beber café. No fondo, tratábase dun experimento. Metido na polémica respecto de se o café era máis perxudicial que o te, decidiu comprobalo. Elixiu a un criminal e conseguiu que o sentenciasen a morte polo procedemento que dixen, é dicir, obrigándoo a beber café tras café ata que caese morto. Como medida complementaria logrou que outro delincuente fose condenado a cadea perpetua, pero bebendo te sen parar. O experimento foi un fracaso. Primeiro morreron os médicos encargados de supervisar o asunto. Logo, cando cumpriu os oitenta e tres anos, tocoulle a vez ó do te. Quedou só o outro home, tamén velliño, bebendo os seus expresos día a día. E ó rei pegáronlle un tiro.