OS NOSOS PROBLEMAS
Opinión
CRÓNICAS INCONFORMISTAS / Isaac Díaz Pardo
01 Jul 2001. Actualizado a las 07:00 h.
A riqueza dos nosos montes xustificaron a creación dunha celulosa financiada cos cartos públicos de todos nós. Galiza, ademais de pór a madeira puxo unha ría, nada menos que a ría de Pontevedra, unha especie de santuario para quen sinte de verdade o latexar desta terra. O máis barato para quen facían esta tropelía era poñela a carón dunha vila. Pontevedra e a súa comarca encheuse dun cheiro insoportable, que coas técnicas que se foron estudiando o cheiro foi mellorando, mais o fondo da ría din os que saben deso é unha cloaca, e semella que a UE vai tomar man no asunto. É inxusto condenar aos mandados e non aos altos responsables. Galiza ten que soportar estes negocios alleos na súa carne. E como estamos en tempos de privatizar todo, para que os que teñen máis incrementen aínda máis os seus patrimonios, a empresa estatal da celulosa, na que é peza fundamental a de Pontevedra, pon a empresa en almoeda, por etapas, para lle sacar a mellor tallada, polo que o poder central vai recibir un lote de miles de millóns. A Galiza non lle queda máis que soportar esa cloaca no corazón dunha das súas importantes rías. É dicir, Galiza non ten máis dereitos que o de soportar estas formas bestiais de colonización co silencio cómplice dos que teñen as tixolas polo cabo e os non menos concupiscentes coa súa ignorancia do que se está a facer coa nosa terra. Unha parte da empresa da celulosa vai caer en mans de capital galego. Eu non dubido da boa intención dese sector de capital, que sendo minoritario non poderá facer ren fronte á maioría que lle importa un pito a nosa terra e só están ao negocio inmediato. Os cartos da privatización ingresan nas arcas de Madrid e acó fican menos cartos para facer a transformación que necesitaría: unha pranta nova mellor situada en canto á contaminación coordinada cunha papeleira, axudándose coa venda dos terreos que ocupa a de Lourizán. Os que mandan van pensar que mellor será meter os cartos que podan reunir noutros negocios máis rendibles aínda que sexa na mesopotamia rioplatense onde o eucalipto medra á dobre velocidade que en Galiza e pódese vender á metade de prezo do que custa acó, e pouco importará que a selvicultura galega se arruine. De pouco van servir que se fagan grandes auto-estradas e trens veloces para ser utilizados inmediatamente dentro de oitenta anos, se non hai unha conciencia reivindicativa dos valores e dos dereitos de Galiza, pois por eses camiños que poderían saír os nosos productos terminados, deixando acó o valor engadido deles, o que están é servindo para que por eles entre a meirande corrupción allea disfrazada de empresas solventes, e así Galiza non poderá saír da cola das consideracións estatísticas da Europa. Quen diga que Galiza vai ben é un mentireiro.