La Voz de Galicia

ADEUS A PACO MANTECÓN

Opinión

Á MARXE / Carlos Casares Onte foi Marino Dónega, hoxe correspóndelle a Paco Mantecón, outro amigo que se vai. O primeiro, despois dunha vida chea; o segundo, en plena madurez, con moitos anos aínda por diante, se non se lle cruzase a morte polo medio en forma deso que os eufemismos chaman unha cruel enfermidade e que, en realidade, se chama cancro.

03 Apr 2001. Actualizado a las 07:00 h.

Cancro de pulmón. El que era un gran pintor, traballou para Galaxia durante moitos anos, facendo deseño, fundamentalmente portadas de libros. Tiña gusto e coñecía ben o seu oficio. Nunca se enfadaba se non estabamos de acordo. Nese caso, recollía a carpeta sen poñer mala cara, marchaba e volvía uns días despois con outra proposta. Case sempre acertaba. Nos veráns viámonos en Panxón, con frecuencia, en compañía de Xosé María Fonseca e Miguel Viqueira, para facer tertulia nas terrazas pola noite, á beira do mar, ata moi tarde. Era home de trato cordial, con cara de despiste, interesado en moitas cousas: arte, literatura, fotografía, política. O ano pasado, consciente do que tiña, sentíase optimista, a pesar de todo. Tanto que ata se atrevía a fumar algún cigarro de cando en vez, a escondidas. As últimas veces que veu pola editorial, hai menos dun mes, chamoume a atención que trouxera portadas tan cheas de colores, moi alegres. Sen decatarme da realidade, aínda véndolle os estragos da enfermidade na cara, díxenlle que se notaba que estaba contento. Logo pensei que aquel colorido debía ser unha maneira inconsciente de compensar a negrura do túnel no que se vía metido. Produciume admiración a súa enteireza e a súa coraxe, cumprindo cos seus deberes ata o final. Polo que falei con el desde que lle descubriron a enfermidade, viviu ese tempo cunha serenidade digna de admiración, aceptando o destino incerto do seu futuro. Na miña casa gardo, colgados das paredes, algúns dos orixinais das súas portadas, que lle pedín. Unha maneira de seguilo recordando.


Comentar