La Voz de Galicia

APUNTES DE VIAXE

Opinión

Á MARXE CARLOS CASARES, escritor

21 Oct 2000. Actualizado a las 07:00 h.

Faime gracia escribir este artigo a bordo dun coche, ás oito e cuarto da noite, mentres me levan a pouco máis de trinta quilómetros de Fráncfort. Todo un símbolo dunha maneira de vivir. Aínda que a feira do libro segue un día máis, para min chegou a hora da retirada, é dicir, o momento de pasar algún tempo na casa antes de que teña que facer de novo as maletas para ir a outro sitio. Este nomadismo no que levo instalado anos, e que me vai convertendo nun home un tanto desarraigado. Claro que, como se dicía antes, sarna con gusto non pica, por moito que esto non sexa propiamente a sarna, e pique algo máis do que algúns poderían imaxinar. Se digo a verdade, gústame viaxar e perderme só polas cidades, nas horas libres, sentarme nunha terraza a tomar un café e ver pasar a xente, deitarme tarde se teño con quen falar, que case nunca falta, erguerme cedo para almorzar, e ler o periódico tamén de xeito demorado. Se a felicidade se parece a algunha cousa real e tanxible, non a unha idea, para min aproxímase bastante a esto que acabo de dicir, quizais con outros pequenos detalles, como pode ser entrar nunha tenda e mercar algo moi apetecido. Sen embargo, non todo é tan fermoso. No sei por que razón as viaxes van facendo a un bastante descreído. Moitas veces teño pensado que esto de viaxar é como verlle as tripas ó mundo ou como asistir a un espectáculo de maxia metido dentro do sombreiro dun ilusionista. Recordo a alegría que sentín en Madrid hai uns meses, cando ía no tren dos escritores, e un dos responsables da organización, no seu discurso, citou un conto meu con grandes eloxios. Nada máis chegar a París, decateime de que os mesmos ditirambos eran alí para un francés, en Bélxica para un belga e así ata o final. Unha golfería non exenta de gracia, pero golfería. A mesma que lle escoitei dicir a un escritor croata onte na feira: que o premio Nobel é unha farsa. A non ser que llo dean a el, por suposto.


Comentar