La Voz de Galicia

Rocío López: «O lector que proba a novela negra non a solta»

Sarria

Félix Jorquera Lugo / La Voz
Rocío López Núñez

A escritora de Láncara presenta o venres 19 en liña o seu quinto libro, «Eres sombra»

18 Feb 2021. Actualizado a las 13:27 h.

A escritora lancaresa Rocío López Núñez presenta o venres 19 en directo, en liña, a súa quinta novela, Eres sombra. Será ás 19.30 horas na plataforma de Facebook da editorial Distrito 93 (@distrito93). Intervirá a autora, ademais de Rosa Sierra e Elvira Vila. Colaboran a librería Lago de Sarria e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago Comarca de Sarria. A escritora falou do seu novo libro no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Continúa con novela negra...

-A novela negra sempre me definiu como escritora. Esta é unha historia completamente distinta ás anteriores porque me vin na necesidade, persoal e profesional, de dar un cambio, aínda que non abandono a novela negra. Cambio a cidade na que sempre me encontraba cómoda escribindo, Nova York, e damos un salto a Nova Orleáns, que para min foi un sorprendente descubrimento, porque me aportou unha amalgama de sensacións indescritibles para ofrecer ao lector unha historia nova e saír da zona de confort.

-Unha cidade multicultural.

-Multicultural é unha das definicións máis xustas da cidade. É unha historia fascinante, que ten como protagonista a unha detective, caracterizada pola apatía e a desgana, cuns recordos dunha vida da que non quere falar, sen ilusión por un acontecemento traumático que trae ás costas. Un día, tras unha nova reprimenda do xefe por chegar tarde, ve en comisaría a Martin Parker co seu neno de 4 anos, que está buscando respostas, unha vez máis, á desaparición da súa filla un ano atrás. Ninguén lle quere falar do caso Parker, está pechado. Pero ela converte ese fortuíto encontro nun tema persoal, sen darse conta de que ao facelo está, non só intentando axudar a ese pai, senón que tamén se vai axudar a si mesma. É un libro repleto de sorpresas e xiros dende a primeira páxina, cando de repente alguén atopa un cadáver sen cabeza nun pantano. É unha historia aditiva, que nace cunha intensidade brutal, cuns personaxes fortes, coidados ao detalle e con descricións moi visuais, porque Nova Orleáns é moi visual.

-Está de moda a novela negra?

-A novela negra é moi agradecida, aínda que os lectores son moi estritos, é xente moi preparada que esixe cada día máis. E agora, cun mundo patas arriba pola pandemia, necesitamos cousas que nos entreteñan. Pero non é unha moda pasaxeira, a novela negra sempre estivo aí. Hai lectores que antes non tiñan tempo e agora víronse obrigados a deterse, que buscan nos libros unha ferramenta de evasión. Creo que o lector que proba a novela negra non a solta.

-Que din os lectores?

-Teño a sorte de ter un grupo de lectores moi fieis. Os primeiros comentarios foron que é o mellor libro que escribín ata agora; que é aditivo desde a primeira páxina; que lles sorprendeu o cambio de cidade e personaxes; que son capaces de sentirse dentro da cidade sen estar alí... chegar aos lectores cos cinco sentidos e ser transmisora de emocións é algo que me sorprende cada día máis.


Comentar