Rocío López, autora de Láncara: «Esta quinta novela é o mellor libro que escribín xamais»

Laura López LUGO / LA VOZ

LÁNCARA

Rocío López Núñez, coa súa quinta novela, «Eres sombra», que xa está á venda.
Rocío López Núñez, coa súa quinta novela, «Eres sombra», que xa está á venda.

A escritora de novela policíacas reeditará a súa primeira obra, «Nunca volverás a Pikeville», xa que segue tendo demanda seis anos despois

03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de seis anos que Rocío López Núñez (Monseiro, Láncara, 1974), deu o salto á literatura coas novelas policíacas. E, dende entón, non deixa de sorprender, de atraer e de fidelizar a novos lectores. Cada novela que saca ao mercado é un éxito de vendas a asegurado. E todo apunta a que a súa quinta obra, Eres sombra (2020, editorial Distrito 93), irá polo mesmo camiño. Unha campaña de crowfunding permitiu comezar coa edición e antes de rematar de escribir o libro xa tiña encargas: «Precisaba ter vendidos 50 libros en 21 días para comezar coa edición, e conseguino en cinco días, e todo grazas aos lectores, aos amigos, aos medios...», explica agradecida.

-É un grande apoio.

-Foi moi emocionante ese apoio e tamén me xera un sentimento de responsabilidade enorme. Síntome avalada por toda a xente que mercou o libro antes incluso de que o rematara de escribir, polos libreiros galegos que xa me chamaron para encargar exemplares... Agora os libros están chegando á xente que os tiña reservados e tamén ás librarías.

-Como é este quinto libro?

-O lector encontrará algo completamente diferente. Non é diferente en xénero, porque segue sendo unha novela policíaca [como as anteriores, Nunca volverás a Pikeville, Ladrona de vidas, Olvídate del cielo y Nunca fuimos buenos], pero en canto á cidade, á forma de escribir, á historia e aos protagonistas, rompo con todo o anterior. E teño que dicir que esta quinta novela é o mellor libro que escribín xamais. Quería arriscar e dar un paso adiante, quería ofrecer algo novo. Nova York era unha cidade que coñecía ben e custoume saír desa zona, esa é a principal novidade. A novela está ambientada noutra cidade, pero tamén é grande e norteamericana, que é unha cultura e unha forma de pensar na que me sinto cómoda escribindo. Aínda así, é unha cidade moi diferente a Nova York, ninguén dos que me coñecen adiviñaría o lugar.

-Onde atopa inspiración?

-As series americanas de policías que vía de nena foron o inicio. Ese mundo foi xerminando en min e a verdade é que desde sempre me foi cómodo escribir neste xénero literario.

-Como foi o proceso de creación de «Eres sombra»?

-Empecei coas mesmas personaxes que en Nunca fuimos buenos, pero, de repente, pensei que tiña que dar un paso adiante e, a risco de esnafrarme ou errar, decidinme. Eu sempre dixen que as miñas personaxes se apoderan de min e pensan por elas mesmas. E así foi. Pero tiven que aprender de novo todo. Cambiar de cidade levoume a un lugar novo para min. E debo dicir que ten unha cultura marabillosa e que foi un pracer para min descubrir esta nova cidade.

«É unha novela policíaca, pero en canto á cidade, á forma de escribir, á historia e aos protagonistas, rompo con todo o anterior»

-Para cando a sexta novela?

-Pois xa a teño pola metade. Título aínda non ten, porque como me ocorre sempre, póñollo ao remate, e xeralmente é unha frase que teño escrita no libro e que reparo nela despois. Ademais, o primeiro libro que escribín, Nunca volverás a Pikeville, que era unha autoedición, vouno reeditar, xa que, seis anos despois, segue tendo demanda. A verdade é que sempre me sentín moi respaldada, tanto polos propios lectores, por suposto, como pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Sarria, os concellos de Sarria, Láncara e Triacastela, a asociación Meigas e Trasgos...

-E agora está tamén inmersa no sector da edición.

-Pois si. Unha compañeira e eu montamos unha empresa de servizos editoriais para axudar, á pequena escala, á xente. Somos varios profesionais traballando e aplicamos todos os nosos coñecementos e experiencia. Ofrecemos servizos editoriais á carta, é dicir, non é necesario contratar un pack completo, cada un pode solicitar o que máis necesite: maquetación, promoción, trámites administrativos... Faime unha grande ilusión ter un selo editorial propio, Uxía Servicios Editoriales, e estamos moi orgullosas. Sacamos dous libros integramente editados por nós, hai un conto infantil a punto de saír, e facemos moitos traballos máis pequenos, pero de moita importancia.