La Voz de Galicia

Jesús Porto, o médico de toda a vida de Samos: «Hai que escoitar máis aos pacientes porque as enfermidades non son só físicas»

Samos

PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ
Jesús Porto estivo 35 anos traballando como médico de familia en Samos.

Despois de 35 anos exercendo de médico en Samos, os veciños e amigos dedícanlle este sábado unha homenaxe con motivo da súa xubilación. «Volvería ser médico rural polo trato coas persoas», manifesta

06 Apr 2024. Actualizado a las 20:37 h.

Jesús Porto é o médico de toda a vida de Samos. Naceu en A Estrada, formouse en Santiago de Compostela e, antes de chegar a este municipio no ano 1989, pasou por moitos outros. Confesa que este último lle gustou dende o primeiro momento: «O sitio, a súa xente...todo». Xubilouse en marzo. Este sábado amigos, coñecidos e familiares fixéronlle unha homenaxe para honrar o seu traballo e o servizo prestado durante tantos anos ao municipio de Samos

—Foi Samos o seu primeiro destino? 

—Eu antes de chegar a Samos, estiven noutros sitios. O meu primeiro destino foi unha substitución de tres meses en Becerreá. Estando alí chamáronme para ir a Burela, cando aínda non había centro de saúde nin hospital na Costa. Despois fun para Parga, en Guitiriz, e seguidamente a Friol. Pero tamén estiven en máis sitios: no Servizo de Urxencias de Lugo e facendo substitucións en sitios coma Sarria. Despois, no 1989 fun interino en Samos, aprobei a oposición e xa quedei alí. 

—Recorda algo dos seus primeiros días neste municipio?

—Cando cheguei a Samos non había centro de saúde. Ata o 2002 non se abriron os PAC. Daquela as gardas eran na vila. Xunto con outros compañeiros alugamos un piso e tiñamos alí montado o consultorio. As urxencias atendíanse na casa. 

—Despois de tantos anos, qué significa Samos para vostede? 

—Samos é especial. Que che vou dicir do que foi o meu lugar de traballo durante 35 anos. Cando cheguei de interino encantoume e souben que quería quedar. Gustoume o sitio e a súa xente é moi especial. Todo o que ten, compárteo. Para min, sempre foi máis que un lugar de traballo. Aínda que vivo en Lugo, tanto eu como a miña familia facíamos toda a vida alí. Entrei practicamente na casa de todas as familias e moitos dos veciños son amigos meus. Cando marchei algúns maiores choraban. 

—Ademais, coñeceu alí a súa muller

—Si, porque ao comezo vivín tamén no mosteiro. Ao mediodía comía en A Pontenova e á noite ceaba cos monxes e durmía alí. No 1992 apareceu a miña muller como secretaria do concello. Foi aí onde a coñecín. Casamos no Mosteiro de Samos. 

—Cre que a atención médica é diferente no rural?

—Claro que si. Para min os veciños son familia; incluso me teñen invitado a comer na súa casa cando son as festas. E iso non o fan con calquera. Non só viñan a consultarme cuestións médicas, senón tamén inquedanzas persoais. A miña forma de traballar era diferente en Samos ca nos outros sitios. Non poñía nin a bata e sentábame ao seu carón para non provocar ningún distanciamento.

—O traballou cambiou moito nestes anos. 

—Si. Hoxe en día, a medicina non se practica con tanta proximidade, porque non tes o tempo suficiente para dedicarlle aos pacientes. Pero tamén hai que dicir que a nivel profesional a situación mellorou moito. Hai máis medios e recursos. Ao comezo non había centros de saúde, nin consultas e, moitas veces, nin material. Recordo tamén o duro que era chegar aos domicilios cando as estradas estaban sin habilitar.

—Cal foi a situación máis dura que viviu? 

—Cando tiven que acudir ao crime de Lamas o ano pasado. A enfermeira e máis eu fomos os primeiros en chegar. Creo que foi o máis traumático da miña traxectoria. O agresor non era asegurado meu, pero a súa nai si.

—E a máis gratificante?

—O segundo parto que atendín en Burela. Foi algo moi entrañable, e máis ao ser con pouca experiencia porque acababa de rematar a carreira.

—Que lle diría a aquel médico novo que chegou a Samos fai tantos anos? 

—Que hai que mirar máis as persoas. Ás veces escoitándoas e dedícando tempo pódese diagnosticar algún dos problemas que teñen. Unha boa conversa axuda moito porque as enfermidades non son só físicas. As probas médicas son necesarias, pero cando eran custosas e había que desprazarse, o diagnóstico partía da escoita. 

Os pacientes e amigos fixéronlle este sábado unha comida de confraternidade.ALBERTO LÓPEZ

—Cal é a súa opinión sobre a escaseza de médicos de familia? 

—Hai un problema de relevo xeracional. Hoxe para entrar en Medicina hai que ter unhas notazas, e os alumnos que o conseguen prefiren ir aos grandes hospitais. As condicións tamén son duras porque hai poucos. 

—Volvería escoller esta especialidade?

—Sen dúbida. Ao principio tamén quería ir a un gran hospital, pero non o cambio por nada. Grazas a esta especialidade coñecín outra parte da profesión, que é o trato coas persoas. O médico de atención primaria é un profesional que entra nas casas, que coñece a todos os membros da familia o entorno que os envolve. Deste último poden derivar moitas das enfermidades ou doenzas que padecen. 

—Chegado a este punto, que é o que máis destaca de toda a súa traxectoria?

—Síntome moi agradecido dos pacientes que me axudaron a madurar como persoa e como profesional. Volvería ser médico rural sen ningún tipo de dúbida. A confianza que depositan en ti os pacientes nestes lugares é un agasallo. Algúns ían a outros especialistas e volvían preguntarme se deberían tomar o que lles indicaban. Iso é algo incomparable. 

—Algún consello para os futuros profesionais?

—Que presten atención á relación e ao trato co paciente. Iso é o máis importante. 

—Como se despide dos veciños e amigos que lle fan esta homenaxe?

—Dándolles as grazas por acompañarme neste día. Aínda que non creo que o mereza, porque só fixen o que tiña que facer. Samos será sempre a miña casa.

 

 

 

 


Comentar