La Voz de Galicia

«Nunca debemos apartarnos do galego vivo porque nel está o mellor»

Guntín

Benigno Lázare profesor de galego, escritor e último gañador do premio de investigación condado de pallares

Docente nun instituto no que impera o castelán, mantén unha actitude práctica con respecto ao idioma propio como medio para garantir a pervivencia e actualización

01 Nov 2009. Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Luís Vázquez Somoza, nado en Zolle-Guntín, vén de gañar o premio de investigación Condado de Pallares con un traballo sobre o galego da súa parroquia. É o último dos numerosos que xa conseguiu, porque é profesor de profesión, pero escritor vocacional e máis que ocasional. O Contacto diario cos seus alumnos do IES Lucus Augusti faino coñecedor da realidade do idioma sobre o que imparte as clases, e faino ser máis pragmático para conseguir que o galego siga sendo útil.

-¿Como é o galego que se fala en Zolle?

-É como o que se fala no resto de Galicia no sentido de que está cheo de vulgarismos, de castelanismos e de dialectalismos. Agora ben, ten tamén algunhas peculiaridades, dado que as variantes dialectais que hai en Galicia son moitas.

-¿E no caso concreto da súa parroquia natal?

-Ten unha cousa moi curiosa, que consiste en que na palabra «unha» temos un n velar, pero na palabra «alguna» nós non dicimos «algunha vez», senón «alguna vez», co n alveolar. O traballo polo que me deron o premio viuno Antón Santamarina e foi o rasgo que máis lle chamou a atención, pero eu non era nin consciente de que tiñamos ese rasgo. Do resto, ten as súas peculiaridades de léxico como corresponde a cada lugar de Galicia.

-¿Cantas zonas se poden diferenciar na provincia?

-Basicamente hai tres, a área mindoniense, que abarca o norte; a lucouriense, que colle desde un pouco abaixo de Guntín todo o sur de Lugo e Ourense, e entre as dúas está a central, que é a nosa e temos un galego menos diferenciado e máis neutro, onde menos características peculiares hai e onde os rasgos dialectais están menos presentes.

-¿As alternativas son o «castrapo» ou o galego de laboratorio?

-É unha cuestión interesante. Eu son profesor de galego e polo tanto explico o galego normativo, son un defensor del, pero entendo que é para uns determinados rexistros. Cando escribimos é lóxico que haxa unha variante estándar, ou para cando falamos en contextos formais: nunha clase, pronunciando unha conferencia, falando nun acto público, nos medios de comunicación ou en situacións similares, que para iso está a variante común. Agora ben, eu son un defensor do galego vivo, e isto enlaza co traballo que fixen sobre Zolle, que é un traballo sobre o galego vivo.

-¿Cal é o mellor?

-Eu creo que o mellor galego está no galego vivo. O normativo é unha variante máis, feita, efectivamente, no laboratorio, porque nos idiomas co paso do tempo van trunfando unhas variantes sobre outras, pero no caso do galego, dado o proceso histórico de abandono que viviu ata a democracia, agora é un pouco feito de laboratorio. Comprendo que ten que ser así e explícoo nas clases, pero nunca debemos apartarnos do galego vivo porque é onde está o mellor. Que o normativo admita a forma «ti» como única para o suxeito en segunda persoa non quere dicir que onde teñen a forma «tu», que é a zona oriental de Lugo e Ourense, sexa peor; ao contrario, é mellor porque deriva do nominativo, mentras que a forma «ti» deriva do dativo. Para o normativo escolleron esta última porque era a máis estendida, pero non quere dicir que sexa a mellor.

-¿Vostede emprega os dous?

-Cando non estou nun contexto formal ou escribindo utilizo sempre o galego vivo, o da miña zona, o dialectal. A Xente pensa que falar ben o galego é falar o normativo, e eu creo que non, creo que é falar o de todos os días.


Comentar