Navia de Suarna convértese nun taller artístico sobre o ferro
Lugo
Haberá actividades de creación e roteiros pola montaña ata o domingo
18 Nov 2021. Actualizado a las 13:03 h.
Ata o domingo • Navia de Suarna •
Navia de Suarna volverase a converter nun escenario de creación artística ao aire libre grazas á iniciativa dos artistas de orixe rusa afincados en Navia, Pavel Yakushev e Alisa Smirnova, e da Asociación Veciñal Irmandade Naviega. Desde o xoves 18 e ata o domingo estarán realizando unha nova obra para ampliar a colección de pezas que teñen espalladas por distintos recunchos da vila.
Como xa fixeran no verán cando crearon a «Deusa Navia», traballarán na Praza, de cara ao público, para que tanto a veciñanza coma os visitantes poidan contemplar o proceso de creación e participar nel, enfocando o seu traballo coma unha especie de taller artístico do ferro. A escultura que farán nesta ocasión será a tamaño real e non desvelarán o contido ata que se poñan co traballo.
Ademais, mañá haberá a actividade «Navia en outono», da man de Guido Guía, con roteiros pola zona.