La Voz de Galicia

Un documental denuncia o desmantelamento das escolas no rural de Lugo

Lugo

lucía rey lugo /la voz defensa da educación pública

«Somos acó» será presentado o venres na Casa da Cultura de Cervantes

13 Mar 2013. Actualizado a las 06:58 h.

A Casa da Cultura de Cervantes acollerá este venres, 15 de marzo, ás 19.00 horas, a presentación do documental Somos acó, que destaca a loita das familias da Montaña de Lugo na defensa da educación fronte ao «desmantelamento das escolas do rural» que, segundo destacan, está levando a cabo a administración. A obra, producida por Filmika Galaica e dirixida por Senén Outeiro e Roi Carballido, foi rodada ao longo do pasado verán en varias poboacións das comarcas dos Ancares e do Courel. Familias con nenos de poboacións como O Incio, Samos ou Cervantes relatan de viva voz os atrancos que lles están poñendo para que os seus fillos podan ter unha vida digna e con futuro no rural. Tamén interveñen varios mestres.

Todas as testemuñas critican, entre outros, a redución do número de profesores de especialistas en todos os colexios, os agrupamentos nunha mesma aula de alumnos de ata cinco niveis educativos distintos, ou a falta de material e de medios. Despois da proxección haberá unha mesa redonda titulada «A montaña: sombras e esperanzas», na que intervirán como relatores o vicepresidente da Federación provincial de APAS (Fapacel), Abilio Calvo; a responsable do museo-palloza de Piornedo, Isolina Rodríguez; a nai de Cervantes Maricarmen López Arias; e a nai e mestra do Incio Noelia Maceda.

O encontro finalizará cunha degustación de produtos típicos feitos polas nais dos nenos de Cervantes.

Plataforma da montaña

Diante dos recortes impulsados pola Xunta, as familias da montaña lucense organizáronse na Plataforma pola defensa da montaña e do rural, que continúa sumando apoios. Durante o verán organizaron numerosas protestas e unha marcha reivindicativa polo Camiño de Santiago que concluíu o 12 de setembro en Santiago de Compostela, diante do edificio da Xunta.


Comentar