Se hai un lugar na provincia lucense no que eleven á categoría de festa todo aquilo que ten que ver co medio rural e coas tarefas que se fan no campo ese é Os Vilares, no municipio de Guitiriz. Alí, a romería labrega da Chaira cumprirá esta fin de semana a súa edición número vinte, o que dá unha idea clara da importancia desta celebración e reflicte que se trata dunha cita plenamente consolidada.
Os que xa coñezan esta romería saben que nela non hai tempo para o aburrimento, e os que estean pensando en acudir por primeira vez, que saiban que se van atopar cos concursos máis orixinais e con probas moi atractivas para os espectadores.
Así, na xornada do sábado van ter exposicións e concursos de cans e de vacas, con premios para os mellores exemplares. Tamén haberá galardóns para os mellor clasificados na carreira infantil e na popular, que inclúe varias categorías en función da idade. O quinteto de música tradicional Lumieira actuará ao longo do día na carballeira, na que pola tarde os nenos terán xogos populares, títeres coa compañía Danthea e ponis. Pequenos e maiores poderán pasar momentos moi entretidos co adestramento canino, a exhibición ecuestre e a carreira de cabalos. Todo elo antes do pregón do polifacético Xurxo Souto, que despois actuará co seu grupo Os tres trebóns. O público tamén poderá disfrutar do humor e dos monólogos de Pepo Suevos.
Outras que trunfaron no Luar da TVG, as cantareiras de Ardebullo actuarán o domingo. Iso será pola tarde, antes da baixada de carrilanas e da proba de habilidade con segadora. Nesa xornada a música poñerana os grupos Andaina, Son dos Vilares e Os Minhotos.
Actividades para o sábado
10.30: Concurso-exposición de cans
12.00: Concurso-exposición de vacas
12.30: Carreira popular
14.30: Xantar na carballeira
16.00: Xogos populares
16.30: Títeres e escola de ponis
17.30: Adestramento canino
18.30. Doma e exhibición ecuestre
19.30. Carreira de cabalos
20.30. Pregón de Xurxo Souto
22.00. Concerto de Os tres trebóns
23.00. Monólogos con Pepo Suevos
Actividades para o domingo
12.00: Concurso de sega con gadaña
14.30: Xantar na carballeira
16.30: Xogos populares
17.30: Actuación das cantareiras de Ardebullo, Nucha e Mucha
18.30. Baixada de carrilanas
19.30. Mostra-exposición e probas de habilidade con segadora
20.30. Sorteo dun año e dunha viaxe a Canarias para dúas persoas.
22.00. Concerto de Os Minhotos
23.00. Concurso de baile
Lugar: Os Vilares, Guitiriz
Horario: Todo o día
Prezo: Participación libre e gratuíta