Santaballa foi a capital do encaixe
Lugo
Tradición | Un labor «curativo»
02 Jun 2007. Actualizado a las 07:00 h.
Organizada pola asociación Agarimo, celebrouse onte con bo tempo e gran éxito de público a VI Xuntanza de Palilleiras da Terra Chá. O evento, que contou co apoio do Concello de Vilalba e outros colaboradores, tivo lugar no adro da igrexa de Santaballa, en Vilalba, e nel participaron 500 artesáns do encaixe de palillos. A gran maioría foron mulleres inda que tamén houbo 5 homes que fixeron na puntilla. «Os homes pódense dedicar a isto igual cás mulleres», explica Begoña Prestes, presidenta de Agarimo. Prestes recorda, sen embargo, que incluso algúns médicos recomendan esta labor ancestral. «Porque mentres pensas niso non matinas noutra cousa». Agora ben, tamén recoñece que non todo o mundo consegue dominar a mecánica do encaixe e que algunha xente non dá pasado da primeira puntilla, que é a máis sinxela, xa que ten menos cambios que a segunda e a terceira, máis ancha cás outras e onde xa se pode dicir que a palilleira ou palilleiro está en disposición de facer marabillas co fío e os palillos. Malia o seu desuso algún tempo atrás, estes enfeites volven a ser moi demandados xa que serven para facer máis lucidas as toallas, sabas da cama, unha mantilla ou mesmo unha toalliña de bautizo como a que na xornada de onte deu de agasallo un artesán, coa finalidade de que a entregaran nos premios concedidos pola organización. Amais de gratificar ao grupo vido de máis lonxe, que foi de Oviedo anque tamén de Ferrol veu un de 50 persoas, premiouse aos palilleiros de máis idade, á viveirense Isabel García Sierra, de 89 anos, e ao coruñés Eduardo Cuña, de 76. Á parte, no concurso de labores participaron 30 palilleiras. Como novidade este ano, concedeuse o premio numérico ou de cinta e o popular. En total foron 3 premios por labor cunha cuantía de 100, 50 e 25 euros. Pero máis que nunca, o importante foi participar.