La Voz de Galicia

Taboada celebra este sábado o quinto mercado Petiscos de Nadal

Taboada

Un aspecto dunha edición anterior do mercado Petiscos de Nadal

Os postos de venda abrirán de 12.00 a 21.00 horas e o programa comprenderá actuacións musicais e actividades de animación

16 Dec 2025. Actualizado a las 17:01 h.

Na capital municipal de Taboada celebrarase este sábado a quinta edición do mercado Petiscos de Nadal, no que se ofrecerán produtos de proximidade do concello e da Ribeira Sacra. A organización corre a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais do Concello de Taboada (Acimta) e o programa da xornada comprenderá diversas actividades culturais e de animación.

A entidade organizadora sinala que o obxectivo deste mercado de Nadal é impulsar ao municipio «como epicentro de programacións culturais diferenciais», ao igual que outras iniciativas que desenvolve, como o festival Raizames, dedicado á cultura do viño da Ribeira Sacra. «Convídase a toda a veciñanza das parroquias, a participar desta iniciativa, para que non sexa preciso procurar fóra do propio territorio, os estímulos culturais e festivos», afirman a este respecto. «Non todos os grandes acontecementos acontecen nas grandes cidades», agregan.

No mercado, sinalan así mesmo desde a Acimta, haberá «produtos de calidade elaborados artesanalmente», como mel, viño, doces, queixos, aceites, chocolates, xeados, artigos de bixutería, coiro e bonecos. O programa comprenderá o sorteo dunha cesta de Nadal, para o que se repartiron máis de 3.000 rifas entre os clientes que realizan compras no comercio local. Os postos de venda estarán abertos desde ás 12.00 ata as 21.00 horas. A continuación especifícanse as actividades previstas para a xornada:

12.00 horas. Acto de apertura do mercado na Casa de Cultura.

12.15 horas. A compañía Velaísca ofrecerá o espectáculo de contacontos «Contos e lendas».

13.30 horas. Concerto do grupo musical The Lákazans, cuxo repertorio está baseado en diversos estilos de música americana, como su repertorio en los principales estilos de la música americana, como rhythm & blues, country, soul, blues e funk.

16.30 horas. O Estudio Gnomo impartirá un obradoiro de adornos de Nadal.

17.45 horas. O Mago Deimi ofrecerá un espectáculo de maxia.

18.30 horas. A esta hora celebrarase o sorteo dunha cesra de Nadal.

19.00 horas. O programa pecharase cun concerto de Os Carecos, un grupo de folk de Ortigueira que se deu a coñecer no 2023.

 

 

 


Comentar