Unha aldea do Courel onde vai abrir un negocio de turismo leva un mes sen telefonía móbil
Folgoso do Courel
14 Aug 2020. Actualizado a las 13:38 h.
Os veciños da localidade de Teixeira levan un mes sen cobertura pola inestabilidade do seu servizo de telefonía móbil contratado. O Concello de Folgoso do Courel dirixiuse en varias ocasións á empresa de telecomunicacións Movistar para que repare o repetidor encargado de manter a rede da zona.
A instalación do repetidor entrara no Plan de Banda Ancha 2010-2013, mediante o cal foron instalados equipos encargados da cobertura e do funcionamento da televisión nos fogares de áreas dispersas de Galicia. O repetidor foi financiado pola Xunta, mentres que o Concello cedeu o terreo para a instalación. Dolores Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, recalca que «lle corresponde á empresa garantir un funcionamento axeitado».
Altas temperaturas
Castro indica que, malia as numerosas peticións dos veciños e do Concello, Movistar «non deu unha solución definitiva» e que a compañía se limitou a indicar que «a avaría pode ser polas altas temperaturas e hai que facer unha revisión».
Entre as problemáticas que enumera a alcaldesa con respecto ás deficiencias do repetidor, sinala: «Dentro de pouco en Teixeira vai abrir un negocio de turismo e, si se segue interrumpindo así a cobertura, o terá difícil». Ademais, Castro destaca que a maior parte dos habitantes son de idade avanzada e que «necesitan cobertura para comunicarse».
A alcaldesa conta que os veciños de Teixeira piden respostas ó Concello, mais ela recalca que é algo que escapa das súas capacidades. Aínda así, Castro está a redactar un novo escrito para a empresa no que incluirá «todas as queixas dos veciños» e que enviará tamén á Xunta e ao Ministerio de Economía, do que dependen as compañías de telecomunicacións, «para que haxa coñecemento do que está a pasar e non tarden en solucionalo».