La Voz de Galicia

«No 'Brindo' hai lendas que escoitei no bar de meus pais»

Lemos

Francisco Albo escritor courelao, Autor de «a táboa de hospitalidade»

Marcos volve inspirarse na terra do Courel na segunda parte da súa triloxía xuvenil de aventuras

03 Mar 2010. Actualizado a las 02:00 h.

O escritor courelao Xesús Manuel Marcos volve inspirarse na súa terra nativa na súa recén publicada novela A táboa da hospitalidade , segunda parte da triloxía de aventuras O brindo de ouro , cuxa primeira entrega - A chamada do brindo - recibira no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil. -¿En que medida se inspira nas tradicións do Courel -ou doutros países- para construír o mundo imaxinario destas novelas? -Por fortuna, o imaxinario da Serra do Courel é rico e variado, así como a súa toponimia. Cando un escribe, escribe con todo o vivido, lido, escoitado e lembrado ao longo dos anos. No Brindo de ouro inclúo, cunha peneira previa, algunhas lendas que me contaron, aínda que teñan pasado xa varios anos, e outras que lles teño escoitado aos seareiros no bar que tiñan meus pais. Tamén parto da tradición europea en sentido amplo para conformar a historia do Brindo de ouro . Outros acontecementos e sucesos do Brindo , a meirande parte para ser sinceros, son froito da invención. -Nestas obras tense sinalado o influxo de Tolkien. ¿Hai outros autores do xénero fantástico que lle servisen de referencia para escribir estas libros? -Non me molesta que se sinale a influencia no Brindo de Ouro da obra literaria de Tolkien. Considero, por exemplo, O señor dos aneis como un dos caprichos literarios máis conseguidos na historia da literatura, e non só no xénero fantástico, aínda que eu non considero a obra de Tolkien ou o Brindo de ouro como literatura fantástica. Literariamente, a obra do autor británico ten, na miña opinión, unha gran calidade. Así que non é mala referencia. Hai autores, como Alvaro Cunqueiro, que tamén exerceron influencia en min, así como a obra de Fole, Dieste ou Xosé Miranda. Fóra de Galicia, gusto da narrativa do polaco Sapkowski ou do norteamericano Robert Jordan, todos recomendables. -Aos lectores de «A chamada do brindo» puídolles parecer que a segunda parte tardou moito tempo en aparecer. ¿Cando pode chegar a terceira parte? -Tiña pensado publicar antes a segunda parte do Brindo , mais houbo outras historias que se cruzaron polo medio e que tiven que escribir mentres traballaba en A táboa da hospitalidade , como por exemplo a novela A?????lúa dos Everglades, entre outras. Contra isto nada poido facer, agás deixarme levar, porque son os personaxes os que, coa súa presenza teimuda, mandan. A irrupción destas outras historias levoume a adiar o remate da segunda parte do Brindo . Desde logo, a miña intención é non demorarme na terceira entrega do Brindo de Ouro , na que xa estou a traballar.
Comentar