La Voz de Galicia

Medio ano de documentais

Lemos

Francisco Albo

Mañá comeza na Casa de Cultura de Monforte un ciclo de cine galego que se desenvolverá ata novembro

18 May 2008. Actualizado a las 02:00 h.

Na Casa de Cultura de Monforte comezará mañá unha nova etapa do programa Cinemas dixitais que se desenvolverá ao longo de case seis meses, ata o 17 de novembro. Se a primeira edición deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura se centrou sobre difusión de filmes galegos de ficción producidos para a televisión, nesta ocasión dedícase exclusivamente aos documentais de temática social e histórica, e comprenderá a proxección de dezaoito obras.

O ciclo cinematográfico divídese en catro bloques temáticos dedicados, respectivamente, aos movementos sociais, á emigración, ao urbanismo e á vivenda e á memoria histórica. Todas as proxeccións serán ás oito da tarde e antrada será libre.

A serie principiará coa proxección de As Encrobas , un documental realizado por Xosé Bocixa Rei que narra o conflito desatado en 1977 na localidade coruñesa do mesmo nome a causa da expropiación das terras e vivendas dos veciños para abrir unha explotación mineira. Os enfrontamentos que se produciron por este motivo causaron un forte impacto na sociedade galega nunha época tensa en que a ditadura franquista aínda estaba moi recente. Na segunda sesión, o día 28, poderá verse Historia dunha parroquia , unha obra dirixida por Marcos Nine Búa que conta a chegada dun novo párroco á aldea coruñesa de Xestoso e as relacións que o crego establece cos veciños para gañar a súa confianza.

Clima e idioma

A terceira entrega do ciclo -o 2 de xuño- terá un carácter bastante diferente das anteriores. Este documental, dirixido por Ruth Chao e Javier Silva, títulase 2050: How soon is now? , está falado parcialmente en inglés e aborda o problema universal das mudanzas climáticas. O 9 de xuño proxectarase a cuarta película do bloque Movementos sociais , que trata tamén dunha cuestión diferente. É unha obra do realizador Rubén Pardiñas, titulada Fronteiras , que percorre os límites xeográficos e culturais de Galicia.

Nas seguintes sesións, o mundo da emigración será abordado nas películas V ilaboa, mirando á Meca , Cabo Verde, Sabi e Mundo Bazar -que se proxectarán o 16 de xuño- e BS. AS. , o 23 de xuño. No terceiro bloque de documentais, dedicado aos problemas da vivenda e do urbanismo, proxectaranse os filmes Un metro cadrado , A casa de Lola de Andrés -o 30 de xuño- e Cidade perdida , o 7 de xullo.

As proxeccións cesarán durante o resto do verán e recomezarán o 6 de outubro. Desde entón ata o 17 de novembre poderán verse os documentais Bandoleiros ou guerrilleiros? , Lobos sucios , Traballadores do contrabando , A memoria dos tempos do volfram , Memorial de Camposancos , Os Satélites e Isaac , que abordan aspectos moi diversos da historia recente de Galicia.


Comentar