Veña polígonos
Lemos
TRIBUNA | O |
17 Aug 2006. Actualizado a las 07:00 h.
NESTE PAÍS de localismos baratos temos por costume presumir diante de todos de que somos capaces de promover as festas máis grandes, de contar coa praza máis fermosa ou de organizar a feira máis lucida. Dende hai uns anos temos unha carreira, fomentada pola Xunta, de crear páramos con farolas, formigón e asfalto que lle veñen en chamar polígonos industriais. Así, todos os municipios (salvo casos contados) están enchendo peito para ter o parque empresarial que ao final acabará sendo unha zona de naves de almacén a maior gloria das empresas do transporte. É evidente que hai casos excepcionais, onde si parece que haberá industrias que atraian poder económico. Como en moitos ámbitos desta Galicia que herdamos, a dispersión da poboación obriga tamén a ter decenas de centros de saúde, locais comarcais, puntos de atención á muller, cuarteis da Guardia Civil e así innumerables infraestruturas que o único que conseguen é dilapidar cartos públicos en vez de aproveitar os recursos. É todo froito dunha falla de planificación xeral dende a Xunta e que me temo que neste primeiro ano de goberno tampouco se fixo moito por remediar, e non hai máis que ver os acordos de Vivenda. Chámame moito a atención como os políticos, do signo que sexan, non paran de falar do impacto ambiental, do impacto ao patrimonio, do impacto visual e non sei cantos impactos máis, mentres fomentan a construción de enormes áreas cunha estética moi discutible e uns rendementos que non están acordes coas inversións públicas. Se queren saber de exemplos, en pleno Camiño de Santiago, hai casos paradigmáticos: os polígonos industriais (perdón, de cemento) de Palas e de Melide. Pero tamén déanse un paseo pola N-VI e non perdan dato de Guitiriz, ou miren á localidade limítrofe de Teixeiro.