Entre lusco e fusco
Lemos
Etnografía | Unha cita que racha fronteiras Cando o último raio do sol se agoucha despois de xogar a poñer cores no ceo como ocorreu onte, entre lusco e fusco, o 19 de xaneiro queda sumido na maxia do lume na vila do Castro
19 Jan 2004. Actualizado a las 06:00 h.
Na víspera de San Sebastián, según se pon o sol, érguese o lume, gran seductor nesta noite fermosa na que ese elemento faise un máis, como se fose un ser social que diría Gastón Bachelar. Símbolo de amor, símbolo da excitación sexual se lle pon ó lume en diversos momentos históricos. Tamén en Castro Caldelas algo deso hai e é, en todo caso, un lume amansado. Luz, calor, fume. É como a forza do misterio paseada ritualmente polas rúas. O lume como un señor ou aínda máis, como un deus bo e malo ó mesmo tempo. Ver a procesión dos fachós é un espectáculo plástico, engaiolante que fai ferver algo dentro do corpo. Semella unha invasión terrible, una escea de catástrofe doutro tempo. Pero é fermoso velos subir ó castelo e baixar de novo ó adro do santuario. Pagán e sagrado O lume é o protagonista por excelencia nun acto pagano pero que non escapa ó sagrado. Do adro, onde nace a morre a comitiva, ó alto da vila como monte simbólico onde se ergue con poderío a fortaleza. Semella o lume tribal que parte do pobo, da praza. A atmósfera da vila ole ó asado dos miles de chourizos, os primeiros do ano que son regados co viño da subzoda da Ribeira Sacra de Caldelas mentras a fogueira central arde ben prendida coa palla dos fachós que se funden nun só lume, o da emoción dun pobo que vibra polo San Sebastián e que contaxia esa fiebre ós forasteiros ano tras ano dende as alturas da provincia. É o lume novo, o primeiro gran lume social do ano na vila que precede ó lume sacro e novo da pascua. E nomedio, a espera do cada vez máis próximo Entroido no que a nosa provincia tanto ten que ofrecer e disfrutar. Á espera desta festa, onte tocoulle a Caldelas, cunha cita que encende os ánimos. Entre lusco e fusco.