A polémica destitución de Xaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) como portavoz do PSdeG acabou coa «provisionalidade» que Pachi Vázquez lle deu ao seu número dous no Parlamento cando o nomeou hai 18 meses. Agora, retirado xa da primeira liña, Leiceaga di asumir a súa nova situación con alivio.
-¿Como viviu este proceso?
-Con sentimentos encontrados, por un lado con certo alivio, porque ao comezo da lexislatura non tiña a perspectiva de asumir a responsabilidade de ser portavoz do grupo, e tamén con agradecemento para os compañeiros, por ver que nunca se cuestionou o traballo feito e iso é importante. Pero tamén, e teño que dicilo, con preocupación política.
-¿Preocupación por que?
-Porque se puxo o foco nas cuestións internas do PSdeG cando deberiamos estar explicando as nosas alternativas para os concellos. Todo este debate podía terse evitado.
-¿Que orixinou as súas desavinzas con Pachi Vázquez, o proceso das caixas quizais?
-Non houbo unha orixe, houbo sensibilidades diferentes sobre diferentes asuntos, que foron cristalizando en opinións distintas. Trátase máis ben dunha acumulación de cousas que dunha causa concreta.
-¿Faltoulle a súa confianza dende o principio?
-Pois probablemente, pero teño que dicir que puxen o cargo a disposición dúas veces: cando Pachi foi elixido secretario xeral, e logo de votar a lei das caixas, porque entón xa era moi perceptible que co meu apoio á fusión non formaba parte do seu círculo de confianza. E nas dúas ocasións renováronme.
-Daquela, agora si que estará máis liberado...
-Para estar liberado tería que sentirme aprisionado, e non era o caso. Eu intentei manter o máximo nivel de lealdade, algo que é moi importante cando o grao de responsabilidade é maior. Pero coa destitución, o que sinto é un certo alivio para amosar unha opinión política moito máis persoal.
-¿Se todo o PSdeG apoia as regras contra a acumulación de cargos, por que se desencadeou a súa destitución?-
O ocorrido non ten nada que ver con este regulamento interno, porque eu non tomo unha decisión, senón que a padezo. Aquí o que pasou é que se abriu unha nova fase política na que o secretario xeral ten dereito a contar con persoas da súa confianza, entre as cales eu non me atopo.
-¿Entón non prantexou formalmente ir na candidatura do PSdeG de Santiago?
-Non, en ningún momento.
-¿Seguirá co seu escano?
-A curto prazo si, para iso fun elixido, pero teño todo o mes de xaneiro para reflexionar. En todo caso, a miña decisión a día de hoxe é continuar como deputado.
-¿Como ve que non se aplique a todos a máxima dunha persoa, un cargo?
-Creo que o trato desigual non forma parte da cultura política do Partido Socialista.
-¿Que opinión ten sobre o seu substituto, Abel Losada?
-Formou parte da dirección do grupo parlamentario, como viceportavoz, e agora ten a oportunidade de demostrar realmente a súa valía.
-¿Terá a súa colaboración?
-Eu vou ser un deputado co nivel de responsabilidade que se me asigne, pero non me parece razoable formar parte da dirección do grupo. Eu xa representei un problema como portavoz e repetir os mesmos erros non tería sentido.
-¿Como sae o PSdeG deste proceso?
-Un proceso de substitución coma este, sen dúbida que xerou dificultades, pero a pesar de todo, algúns facilitamos que fora pacífico. Agora é a nova dirección a que ten que ter a capacidade de unir vontades.
-¿Que retos ten agora o PSOE galego?
-Imos entrar na segunda fase da lexislatura e, sen deixar o labor de control ao Goberno, necesitamos unha estratexia que nos visualice como alternativa. Temos que gañar credibilidade ante os electores, porque o Goberno central ten algunhas debilidades na súa percepción pública e temos que esforzarnos en resolvelas. A clave é gañar credibilidade.
-¿Ve vostede a Pachi Vázquez nesa estratexia?
-Xa tiñamos un deseño, segundo o cal agora comezaba esta fase propositiva para gañar credibilidade e facelo, ademais, reforzando a perspectiva galeguista do partido. Eu só agardo que todo iso non mude.