Cando fala da vida municipal, Carlos Fernández o fai «con coñecemento de causa» -non só como presidente da Fegamp e alcalde de Ames-, xa que leva 26 anos ininterrompidos como concelleiro.
-¿O concello está en crise?
-Cada concello é un mundo. Cos mesmos habitantes e na mesma provincia, uns teñen un endebedamento e outros un distinto, uns un nivel de gasto e outros un ben diferente. Xeralizar é difícil. En todo caso hai unha situación común: a precariedade económica, o que algúns chaman «anorexia financeira».
-¿Por que esta situación?
-Hai un motivo básico: os concellos nunca recibiron os fondos que deben recibir para facer fronte aos servizos que se lles ían encomendando. Aí prodúcese un desequilibrio histórico.
-Asúmese máis do que corresponde. ¿É paternalismo?
-Máis que paternalismo é intentar resolver os problemas. O cidadán sabe a que hora saes da casa e espérate na porta: «Oíu? teño un problema». Véñenche a dicir: «É vostede o noso valedor». Esa proximidade, clave, non se dá noutra Administración. Eu sempre digo aos conselleiros: «Os cidadáns non saben onde vives ti, pero saben onde vivo eu».
-É paternalismo.
-Ten que ver co rol histórico do cacique en Galicia, o señor que arranxaba as cousas. «Nós imos onde o padriño, que é o alcalde, e se temos que ir ao médico xa nos fala con el». No concello pequeno aínda funciona.
-A crise do ladrillo tirará con algúns deses bos propósitos municipais.
-En moitos concellos as licenzas urbanísticas (en Ames supoñían 3 millóns de euros ao ano) dábanche un superávit para pagar outras cousas, pero hoxe a parálise é total (60.000 euros ao ano, unha ou dúas licenzas de vivenda unifamiliar ao mes). Haberá ao mellor uns 40 concellos -as cidades, as súas áreas de influencia e a costa- que sofren o parón de forma aguda. A recadación por licenzas de obra caeu a niveis de cero. Case total.