Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954) é o único alcalde que o BNG ten ao fronte dunha urbe galega. Goberna Pontevedra dende 1999. Primeiro fíxoo en minoría, co apoio do PSOE. No 2003 os socialistas pactaron unha coalición (10-5), se ben no 2007 as forzas entre un e outro se equilibraron máis (8-6). Dende a súa chegada á alcaldía iniciou unha notable transformación do centro urbano. Hoxe, case dez anos despois, di que «no futuro tódalas cidades van ser un pouco como Pontevedra».
-Pero, o modelo de cidade foi obxecto dalgunha das críticas deste entroido.
-Ben, de forma telegráfica. Efectivamente hai problemas de tráfico na cidade, pero que na súa maior parte responden a un déficit de infraestruturas froito de moitos anos de apagón inversor por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta, fora gobernada polo PSOE ou polo PP. Pero, neste momento, entendemos que hai unha vontade política de resolver algúns problemas e é así porque Pontevedra é unha cidade que medra e que ten demandas nese sentido. A outra cuestión é o modelo de cidade, e a tendencia máis actual e europea vai por aí; somos uns abandeirados na construción de cidades para todos, humanas e accesibles. Acabamos de levar un premio á accesibilidade. Pontevedra é segura e feita para os cidadáns, e iso ten vantaxes e inconvintes.
-Di que acabou o apagón inversor. ¿Cal é o seu ministro o ministra favorita?
-¡Ja, ja! Eu non teño ministro favorito. O que teño son proxectos prioritarios e, nese senso, deuse un avance no Nu do Pino, a variante de Marín, a circunvalación como continuidade da A-57 tamén está en marcha, a ponte das Correntes, incluso no tema do AVE téñense dado pasos importantes. Aínda que tamén ten que ver coa firmeza dos nosos deputados en Madrid.
-Ou sexa, que vostede no Congreso non pulsaría o botón vermello a Magdalena Álvarez.
-Bueno, é un tema moi complicado e que se daba nun marco determinado, por unha cuestión concreta de infraestruturas de Cataluña, e nunha época electoral. Nós estamos en Madrid para defender os intereses do país e de Pontevedra en concreto. Creo que aí houbo unha actuación correcta. Os fondos para a Lei de Dependencia aí están...
-¿Como analiza o área metropolitana que propón a Xunta? Persoalmente suporíalle ter que entenderse con Teresa Casal, a súa socia do goberno, na casa, e con Abel Caballero, fóra.
-Coido que é un tema complexo. Hai unha obviedade, que Vigo, Pontevedra, O Morrazo e O Salnés son practicamente unha cidade única, polo tanto é negar a evidencia de que existe unha interrelación. E dende o punto de vista filosófico estamos condenados a entendernos e xa nos entendemos o se está entendendo a sociedade en xeral. Outra cousa é a situación lexislativa e administrativa, que é complexa. Eu estou aberto a debater, a participar nun debate sobre a ordenación do territorio. Pero calquera ente destas características ten que ter un orzamento propio, e unhas competencias, e aí nos atopamos con que os concellos teñen competencias exclusivas e excluíntes, as Deputacións igual... Nós témolo claro pero aínda está un pouco verde e ten que haber un consenso. Eu son vertebrador, a diferenza que pode haber respecto do posicionamento, en fin, de Abel Caballero en concreto, é que eu son partidario de vertebrar, de tentar chegar a acordos máis que de andar con liortas de tipo localista.