Catarros en defensa propia
Fugas
07 Nov 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Apañei o primeiro catarro da tempada. Non me queixo. Máis alá do territorio da tose e das secrecións nasais, atenuadas cos correspondentes remedios caseiros, pode estenderse a gloria dun pequeno paraíso. A sorpresa dunha hibernación non buscada, unha especie de nirvana accidental en pixama. Un arrefriado leve, sen complicacións, devólvenos o luxo perdido da quietude: durante uns cantos días, o corpo pide sofá e manta sen ningún tipo de remordemento. Anda un ao ralentí pola casa adiante, impedido para grandes efusións, entre suaves calafríos, coma un flâneur doméstico, e por forza debe regresar aos ritmos esenciais do seu organismo. Vese retornado, paracetamol mediante, á agradable recompensa do repregamento. Un bo catarro convídanos a meternos no papel dun coala orgulloso da súa preguiza, a acometer a aventura de vivir a cámara lenta, sen reloxo, con cadencias mocosas e aristocráticas. Nunha versión máis lixeira, alimenta o espírito e restaura en nós unha sabedoría esquecida, arrasada pola tiranía da produtividade. Entre esbirros e carraspeiras, proporciónanos un escudo impagable fronte ao mundo, a escusa perfecta para ausentarnos de todo. Hai un poema de Chus Pato que di: «A maioría das árbores perderon xa as súas follas / agardan o bico invernal / o sol da maior distancia». Pasaron os días e o meu querido catarro desapareceu. Os pradairos que vexo dende a fiestra abandonaron a súa frondosidade e nos informativos da TVG, sen que se lles turbiase a voz, definiron un propagandista ultra chamado Vito Quiles coma un «activista crítico contra a esquerda», branqueando esa curiosa ocupación que consiste en cantar o Cara al sol, sinalar inmigrantes e exhibir símbolos nazis. Boto en falta a modorra da miña tranquilizante catarreira. Mentres me centraba en defenderme da ofensiva dos mocos, toqueneando da mañá á noite entre libros e películas, os seus efectos distanciábanme do triste balcón da actualidade política, onde apenas hai espazo alén da polarización, a falsidade e a inmediatez emocional. Seica en Nova York terán un alcalde musulmán. Inmigrante, novo, con perigosísimas ideas progresistas, Zohran Mamdani, nacido en Uganda. A ultradereita defíneo como antisemita (denuncia o xenocidio en Gaza), comunista, terrorista, inimigo da banca e amigo dos criminais. Permanezo atento. A ver se resulta que aínda hai esperanza e vou poder soportar esta época sen catarro.