Ortiga e Pili Pampín: «Pili e mais eu queriamos facer o que fixeron Raphael e Rocío Jurado»
Fugas
Un disco de Ortiga e Pili Pampín versionando a Pimpinela, a Gala ou a Rocío Jurado? Había que quedar con eles para confirmalo. E así foi. De momento, hoxe estrean «O Galo Remix»
20 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Entre o divertimento e a transcendencia discorre unha liña tan fina que se torna case invisible. De xeito que, por veces, un non sabe moi ben de que lado se situou. Pasoulles a Ortiga (Rois, 1994) e Pili Pampín (Santiago, 1971). O que a priori semellaba unha «estraña parella» froito dunha carallada televisiva, está a piques de se converter nun dos fenómenos musicais do ano en Galicia. Xa avanzaron as súas intencións no 2022 coa publicación da súa reinterpretación do Eu chorar chorei e varias colaboracións en directo. Agora estrean O Galo Remix, o segundo adianto do que será o seu disco conxunto, que verá a luz en febreiro ou marzo. Nel, xunto a clásicos como Porque tú me enamoraste, A Santiago vou ou Licor do negro café, atrévense con revisións en clave moi persoal do Free From Desire (reconvertido en Deixa que saia) de Gala, do Saturday Night (Sábado á noite) de Whigfield, de Olvídame y pega la vuelta de Pimpinela e incluso do mítico Como yo te amo, de Rocío Jurado e Raphael. Aí é nada.
A ocasión ben merecía un encontro, un café e unha conversa. Saber do seu sentir e das súas sensacións ante esta insólita e fértil alianza. Desta volta, preferín deixalos falar entre eles, sen apenas interferencias, co xornalista no papel de notario e testemuña. Suxírolles empezar polo principio.
Pili Pampín. Ao principio, fixémolo un pouco por cachondeo. Pedíronnos unha colaboración para un especial de Luar. Pero despois empezamos a darlle caña nós, pola nosa parte. Foi un acerto total.
Ortiga. Ademais foi in crescendo. A xente non contaba con algo así, sorprendeulle e quería máis. Chegou un punto no que nos meus concertos case ían máis a verte a ti que a min (ri). Así que dixen: «Pois se tanto Pili Pampín queredes, ao mellor hai que facer un disco con ela».
P.P. Para min, o que marcou un antes e un despois foi cando me convidaches a cantar contigo no teu concerto na Capitol.
O. Á xente sóubolle a pouco. Por iso fixemos os outros dous. E foron espectaculares.
P.P. Apoteósicos. Eu na miña vida me vira en medio de tanta xente nova. A verdade é que o pasei pipa. Por iso cando me propuxeches gravar un disco enteiro, dixen: «Perfecto, escolle temas». E creo que foron un acerto os temas que escolliches.
O. Escollinos en función das nosas fortalezas. Eu só por facer un disco contigo estou contento, pero tamén quero que o esteas ti. Isto susténtase na reciprocidade. Por iso escollín grandes hits de ayer y de hoy.
P.P. Eu diría que é un disco pensado para toda clase de públicos. Confésoche que a min o que máis ilusión me fixo foi poder facer unha versión de Como yo te amo.
O. Ese tema é alucinante. A interpretación que fixeron Raphael e Rocío Jurado é dos momentos máis top da raza humana. E eu dicía: «Eu quero facer isto con Pili».
P.P. Eu alucinei. É que eu son ultrafán de Rocío Jurado. Aínda que che direi que eu quixen ser artista a raíz de escoitar o disco Marinero de luces, de Isabel Pantoja.
O. Pois esa... Aínda me dá tempo a facer un bonus track (rin)! O que mola que nos saquemos un ao outro da zona de confort... Eu Como yo te amo nun disco de Ortiga non a meto. E o remix do Galo supoño que ti tampouco nun teu. En poder facelo xuntos é onde está a graza. E todo dende un forte sentimento... (a ver se non se me malinterpreta) nacionalista. No sentido de que reivindicamos moito a nosa cultura, a nosa terra, os nosos devanceiros.
P.P. Dende logo. De A Santiago voy facemos unha versión en galego. Ou tamén facemos Licor do negro café, que é un clásico que se canta en todos os sitios.
O. Para min, foi doado facer a selección. Fíxena pensando: «Eu, se fose o público deste proxecto, que me gustaría escoitar?». E a min se me pos nunha festa Como yo te amo, Licor do negro café e Free From Desire, yo me vuelvo loco.
P.P. Eu alucinaba cada vez que me mandabas unha proposta.
O. Pero a túa reacción sempre foi a mesma: «Tira pa' diante».
P.P. Iso sempre. Ti dálle pa' diante e a ver que sae de aí. Mira, lembro o día que gravamos o Free From Desire. Aquela tarde levara ao estudo á miña filla pequena e ao rematar díxome: «Mamá, isto é un puntazo. Cando lle diga a todo o mundo que miña nai vai cantar este tema, flipan».
O. Eu xa sabía que ao mellor Free From Desire a ti non che toca, pero é que eu vou pinchar por aí e cando poño ese tema, a xente vólvese tola!
P.P. É certo. Confésocho. De todo o disco, o de Gala era o que menos me chistaba.
O. Por iso eu estaba: «Por favor, Pili, faime caso». Igual que co Saturday Night. Que ese, ademais, ten o engadido de que ten unha coreografía xa feita, co cal xa temos moito andado.
P.P. Para min, o bo que teñen eses temas é que os bailan os rapaces novos e a xente maior; son interxeracionais.
[E así, entre unha complicidade absoluta, asoma na conversa a palabra clave: interxeracional. Pili Pampín, 51 anos, e Ortiga, 28, comprometidos nun proxecto que transcende xéneros, idades e, sobre todo, prexuízos].
P.P. Chicho, eu entendo todo isto que me está a pasar contigo como un premio. Chégame nunha idade espectacular. A miña carreira está aí e non me falta traballo, grazas a Deus, pero si que me faltaba a conexión con esa parte do público que non me coñecía e que grazas a ti me está coñecendo e seguindo. A raíz de estar contigo teño o dobre de seguidores en Instagram.
O. A ver, eu como me tomo a música e, sobre todo, as colaboracións é: coñezo a alguén, cáeme ben, creo que podemos ter ideas compatibles para facer unha canción e para adiante. Non miro se é home ou muller, maior ou novo, negro, amarelo ou verde... Se hai sintonía, iso é o que vai facer que funcione. Hai moita xente da miña idade coa que eu non teño ningún tipo de afinidade persoal. Entón xamais farei unha canción con esa xente.
P.P. Eu son consciente de que ao principio dicíase: «Pero esa hortera vai cantar con Ortiga?». E mira, ese público que me chamaba «hortera» é o que me está seguindo agora. Para min, iso é o máis importante.
O. Eu agardo que a xente teña un mínimo de sensibilidade artística, dáme igual que sexa o teu público que o meu, se dea conta de que detrás deste disco hai un traballo moi concienzudo. E valente. Hai que ser moi valente para propoñer algo tan extremo. Dámoslle unha volta a un rollo que está máis que manoseado e aínda así, a peña vai flipar. Isto é unha toleada moi tola.
P.P. A min da vosa xeración encántame que tedes moitos menos prexuízos. Penso que é porque vos criastes noutros ambientes.
O. Eu cando ía ao instituto, hai 15 anos, había rapeiros, heavys, hippies e reguetoneiros. E agora todo o mundo é un día de cada cousa. O cal, ademais de que me parece menos belixerante, é moito máis san mental e artisticamente. Ti quixeches ser artista pola Pantoja. Eu metinme na música por Judas Priest. Pero, claro, despois fago merengues e teño un grupo de rap.
P.P. Iso pasounos a todos. Eu cando empecei a saír co meu marido, no coche o que escoitaba era Deep Purple e AC/DC, e a min aquilo toleábame a cabeza.
[Interveño para lembrarlle a Pili Pampín unhas declaracións feitas en La Voz no 2019: «Non me vería cambiando de xénero. Convivo co reguetón e o trap por forza maior»]
P.P. Que che parece? (ri) E agora non só o escoito, senón que o canto. Incrible! Pero supercontenta. É que eu penso que, ao principio, non o entendía moito. Estaba pechada no clásico e non lle dei a oportunidade de pararme a escoitar este tipo de cancións. E de feito, agora non só me gustan a min. Tamén lle encantan ao meu público de sempre. O que me sucede é que agora en todas as verbenas está toda a xente moza pedíndome o Eu chorar, chorei e pregúntanme onde está Chicho.
O. A min o que me marabilla é que non tiven nunca que insistirche nin o máis mínimo. «Oe, Pili, facemos isto?». E de inmediato: «si», por extremo e tolo que parecese. Iso é a hostia. A xente adoita ser moito máis conservadora.
P.P. Xa de perdidos, ao río.
O. Está claro. Miña irmá, que é médico, se falla no curro, pode morrer alguén, pero nós... O peor que pode pasar é que non lle guste a alguén. Entón, que medo lle vas ter a facer unha canción?
P.P. Dígoche sempre que si pola sinxela razón de que aínda sendo tan novo e movéndote no mundo no que te moves, tes moi claro o que queres facer. E sei que o pensaches moito antes de dicirme «Pili, que che parece este tema?». Que non é unha ocorrencia. Por iso eu non lle dou máis voltas.
[Neste punto, anúncianme que tras a publicación do disco, Ortiga e Pili Pampín iniciarán unha xira de concertos]
O. A graza deste proxecto é que se circunscriba a este ano en concreto. Que cando vaiamos tocar a un sitio a xente non diga: «Bah!, xa os verei noutro momento», porque igual non vai haber outro momento. Este proxecto está encadrado puntualmente nas carreiras persoais de nós os dous. Ti tes cousas que facer despois. E eu tamén. Por iso creo que é máis interesante encadralo nun momento concreto e ir a tope este ano. Porque... non sei ti, pero a miña pretensión non é máis que tocar.
P.P. E divertirnos, que tamén é importante.