La Voz de Galicia

Eloi Caldeiro: «Quixen que se vise a Xela rockeira e canalla»

Fugas

CARLOS CRESPO

No seu novo disco, «O equilibrio dos tigres», o músico de Sarria, líder dos históricos Brath, envolve a poesía de Xela en rock de vella escola

14 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Ten querenza Eloi Caldeiro por musicar aos escritores aos que se lle dedica o Día das Letras. Xa o fixo con María Mariño, Álvarez Blázquez e Ramón Piñeiro. E agora con Xela Arias. Se ben desta volta hai connotacións que fan deste disco algo especial. Os dous son de Sarria e chegaron a coñecerse persoalmente. Lembra Caldeiro, que por entón formaba parte de Tebras, que nun recital en Salceda de Caselas no ano 93 Xela lle confesou que lle gustaría facer letras para rock. «E agora dixen: 'Voulle cumprir o desexo'. Aínda que foi complicado por como escribe Xela. Un verso ten 3 sílabas, o seguinte 17... Buscarlle o ritmo e encaixalo nos compases non foi sinxelo».

-Optou por levala ao rock de vella escola.

-Si, a ela gustáballe moito o rock. E, dalgún xeito, os dous formamos parte daquilo que se chamou os poetas da xeración rock.

-En que se baseou para escoller os textos?

-Escollín dez poemas de Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos. Busquei poemas nos que non tivese que alterar demasiado a escrita para non desvirtualos. Hai xente que musica poetas, pero que para iso desmonta o poema. Eu non, eu trato de ser o máis fiel posible.

-Que quería transmitir de Xela?

-Eu quería que se vise esa Xela rockeira e canalla. Por iso moitas das letras falan de ambientes de bares..., desa parte que viviu ela máis rebelde. Teñen como un transfondo medio punki. A súa non é unha linguaxe poética ao uso. Por iso tamén escollemos para a portada unha foto na que sae cunha chupa de coiro. Como se fose ela a rockeira e quen cantara.

-Sorprende o actual que semella.

-Efectivamente. Son poemas escritos nos 90, pero a súa é unha linguaxe absolutamente moderna, actual e que conecta perfectamente coa xente que hoxe ten 18 ou 20 anos. Ten esa mesma actitude e un certo toque sarcástico, pero non de retranca galega. É outra historia. Poderían ser perfectamente letras que tivese feito calquera grupo de rock neste momento.

-Aínda que xa ten musicado a máis escritores, este foi un proxecto especial.

-Si, claro. Primeiro, porque é unha rapaza de Sarria, que non é precisamente unha vila envorcada co galego. Grazas a ela conseguimos trocar o rueiro e a rúa José Antonio agora chámase Xela Arias. E polo feito de que fose o berce de alguén que representa o inicio da modernidade da poesía en galego. Se a iso lle sumas o feito de facelo en clave de rock, pois si, para min é un proxecto moi especial.


Comentar