La Voz de Galicia

En Cangas de chorar, nada, o que hai é gañas de comedia

Fugas

Carlos Crespo

«CÓMICO E FESTIVO», DOUS EXTRAORDINARIOS ARGUMENTOS PARA CONVENCER AO PÚBLICO E QUE SE DEIXE CAER POLO TEATRO. TAMÉN NO VERÁN. PROPOSTAS NON LLE HAN FALTAR. ATA VINTE SE PROGRAMAN NA VINDEIRA SEMANA NA MOSTRA DE CANGAS.

03 Jul 2015. Actualizado a las 04:50 h.

Celebrar a comedia é unha saudable receita para o benestar de corpo e mente aplicada con eficacia xa polos antigos gregos. E quen sabe, se cadra tamén polos de agora. Onde si é seguro que a aplican con sabiduría e bo criterio, aló menos dende hai 31 anos, é en Cangas, onde dende hoxe e ata o vindeiro día 11 celébrase unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.

As premisas fundamentais pouco variaron dende a creación desta cita escénica. «Apostar por unha programación internacional, estatal e galega de calidade sen renunciar a organizar actividades paralelas que a enriquezan, como exposicións, obradoiros, ou encontros», explican dende a organización.

O programa desta edición prevía 19 espectáculos a realizar no auditorio municipal, na Salasón e nas rúas da vila. A hospitalización da artista estadounidense Laura Herts provocou a suspensión do  obradoiro O pallaso médico e do espectáculo A won woman show, que foi substituído por Monsieur et madame O, da compañía francesa MMO.

A actriz Isabel Risco será hoxe (22.30 horas) a encargada de ler o pregón inaugural da Mostra no auditorio. A continuación, a compañía navarra Acrónica Producciones porá en escena a obra Bancarrota, gañadora do premio Gayarre 2015. Trátase dun texto escrito hai máis de 200 anos ?quen o diría? no que se evidencia o choque entre esa entelequia chamada diñeiro e a humanidade. 

A xornada inaugural pecharase na Salasón media hora despois da medianoite co espectáculo Nabiza girl da pregoeira Isabel Risco.

Dende máis alá do Padornelo chegan o espectáculo da compañía madrileña Teatro El Zurdo que mañá presenta El extraño caso de la marquesa de Vadillo e o dos asturianos Teatro del Norte que en Retablo expoñen a influencia que Valle-Inclán tivo sobre García Lorca. A Mostra acollerá tamén a estrea en Galicia da versión de La Flauta Mágica a cargo da compañía catalana Dei Furbi, galardoada co premio Max ao mellor espectáculo musical do 2014.

As compañías galegas volven a contar cun papel preponderante na Mostra. O domingo Il Maquinario porá en escena o seu galardoado Perplexo,  EME2 presentará o seu espectáculo infantil Jim e a illa do tesouro, Funboa estreará o xoves Sushi gratis e Pistacatro levará as rúa o espectáculo circense Impreuna.

O teatro e o cine mestúranse en O viaxe dos Chévere, un documental de Alfonso Zarauza que narra o desterro dunha compañía de teatro expulsada da súa cidade por un político corrupto e a súa loita de resistencia desde o territorio sempre ceibe do escenario. ¿Sóalles o argumento? A proxección será o mércores no auditorio.

A Mostra de Cangas tamén terá espazos para a reflexión.  Destacados profesionais da escena galega participarán o martes na xornada O teatro galego no século XXI. E o papel e a situación laboral das profesionais das artes escénicas e do audiovisual será o obxecto do debate que terá lugar o sábado día 11.

A reivindicación feminina tamén estará presenta na entrega do premio Mulleres en Acción que este ano lle será outorgado á investigadora e escritora Aurora Marco.


Comentar