La Voz de Galicia

«Estou moi contenta, traballar en Doñana é a meca dun biólogo»

Firmas

INMA EIROÁ VIVEIRO / LA VOZ lucía penabad teijeira

A barreirense participa no programa de conservación do lince ibérico

29 Oct 2012. Actualizado a las 07:00 h.

emerxentes lucía penabad teijeira

A entusiasta conversa que mantemos con Lucía Penabad Teijeira deixa ben ás claras que é unha persoa feliz co seu traballo. Esta xove bióloga de 28 anos (puntualiza que a remates do mes de decembro caen os 29) nacida en San Miguel de Reinante (Barreiros) forma parte do equipo que traballa en Doñana no Programa de Conservación ex-situ do Lince Ibérico.

-Iso de que un acaba conseguindo o que realmente quere parece certo no seu caso. ¿Como o logrou?

-Fixen a carreira en A Coruña e cando rematei en xuño pedín voluntariado. Estabamos nunha voda en Madrid cando me chamaron para Doñana, e xa fun correndo e díxenlles (a seus pais) «quero irme». Primeiro estiven de voluntaria; cando rematei saíume traballo no zoo de Fuengirola e logo xa volvín para aquí. Estou de videovixiante no programa de conservación do lince ibérico, que remata en marzo, pero en principio din que seguiremos catro anos máis. Neste programa levo tres.

-¿Que fai?

-Traballo detrás dunhas cámaras, observando o que fan os linces. Tomamos datos de comportamento, imaxes en vídeo, para Internet ou en directo, levamos os voluntarios... Non é un traballo de bióloga, pero achégase. Presentei dous pósters en dous congresos e estou a punto de presentar un artigo. Hai que moverse, trátase de facer o que che gusta. Traballo a turnos de oito horas e as noites cóstanme. Ás veces necesito máis bioloxía e por iso no tempo libre me adico a estudiar o comportamento animal, porque aquí tomamos moitos datos, pero logo non hai quen os trate.

-Ao remate o que intentan é protexer o lince

-É un proxecto de cría en cautividade, de ver como crialos para logo soltalos no campo. Con oito ou nove meses na natureza independízanse das nais. Aquí hai unha serie de camadas que se elixen para soltalas e son esas as que hai que evaluar dende as cámaras. Valen se cazan ben, se fuxen dos humanos. Nas camadas de reprodución entran dúas veces á semana os cuidadores, pero a estes, aos que se van soltar, dáselles ás escondidas. Hai un temporizador para darlles o coello e toda a observación faise dende a cámara, sen ter contacto directo con eles. Temos 16 recintos con 30 animais. Nuns están a nai coa camada, ou están por parellas; moitos non porque se pelexan; no campo non é normal que se agrupen. Os recintos nosos son campos valados, con bebedoiros artificiais, con vexetación típica do bosque mediterráneo, con piñeiros e alcornoques.

-¿Teñen soltos xa exemplares dos que vostede observou?

-En xaneiro de 2012 introducíronse no campo seis linces dos nosos. Dous deles apareceron mortos. En xeral vese que a crise tamén afecta aquí, no senso de que hai máis caza e cepos. A xente que pon lazos para poder comer non diferencia e matan todo o que atopan. Tamén hai moitos atropelos, sobre todo en Sierra Morena e Doñana; no último mes houbo tres ou catro. Pero a pesar diso as poboacións están aumentando porque hai máis coellos, vacúnanse.


Comentar