La Voz de Galicia

Planeamento no Barbanza

Firmas

Ana Domínguez Presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos

08 Jan 2012. Actualizado a las 07:00 h.

Os plans xerais de ordenación municipal na área do Barbanza sofren mudanzas normativas e retrasos indiscutibles, xeralmente debido a que a súa redacción é un proceso longo que se interrompe en moitas ocasións por cambios en leis estatais e autonómicas. Os exemplos máis recentes son o Plan de Ordenación do Litoral ou a modificación da coñecida como lei do solo.

Así que logo deste ritmo de cambio normativo non é de estrañar que os plans sigan pendentes de aprobar, ou naqueles casos que estes chegaron a aprobarse, pendentes de modificación. Noia, aínda que non escapa a esta conxuntura, ten a relativa vantaxe de que segue a depender das normas subsidiarias dos anos 90; porque os plans urbanísticos que xurdiron dese período fixeron crecer de forma desmedida os núcleos, e hoxe padecemos as súas consecuencias, dado o escaso crecemento da poboación fixa.

Recentemente establecéronse as directrices que definen a consolidación dos núcleos que axudarán á súa conservación, facilitando tamén a súa incorporación nos plans xerais, sobre todo en poboacións como Noia, onde a trama urbana xa se mestura coa rural tradicional, e onde existen núcleos de especial calidade ambiental e paisaxística que deben ser tratados con singular atención. Cada vez queda menos para un documento definitivo, mais o proceso non supuxo que non se tomasen xa decisións relevantes sobre o núcleo urbano noiés, sobre todo cando tiveron que reformarse trazados, circulacións, conexións e todo o que implica o futuro dos enlaces con Santiago, así como a transformación da tradicional entrada pola rúa de Galicia, cara á rúa do Calvario, o que mellorou tamén o paso polo centro urbano.

Os plans son necesarios, porque flexibilizar a normativa local non solucionaría o problema. Debemos chegar a acordos de previsións reais de crecementos proporcionados a favor dun territorio común e por unhas leis de todos, de ámbito estatal e autonómico, para que se poidan facer plans a longo prazo. Un pobo non pode crecer en tres anos, debe crecer en función da súa poboación. Unha evolución demográfica que será atendida por varias corporacións.


Comentar