La Voz de Galicia

Unha placa lembra a Cunqueiro no edificio de Ortigueira onde residiu

Ortigueira

LA VOZ ORTIGUEIRA
De esquerda a dereita, a profesora Carmen Loureiro, o escritor e xornalista Ramón Loureiro, o presidente de Terras de Ortegal, Manuel Bouzamayor, o director da Escola de Gaitas, Rodrigo López, e tres dos seus integrantes, ao pé da placa

O escritor e xornalista Ramón Loureiro disertou sobre o autor mindoniense nos actos organizados pola Asociación Cultural Terras do Ortegal

20 Dec 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Cultural Terras do Ortegal rendeulle homenaxe a Álvaro Cunqueiro (1911-1981), cando se cumpren 85 anos da chegada do escritor mindoniense á vila de Ortigueira e 40 do seu falecemento. O escritor e xornalista de La Voz Ramón Loureiro, premio Julio Camba e bo coñecedor do universo cunqueiriano, interveu no Teatro de Beneficencia, o sábado pola mañá. Alí referiuse ao autor de Merlín e familia como «unha das figuras centrais da literatura do século XX».

 

Loureiro, que conmemora neste 2021 os seus 25 anos como narrador en torno á Terra de Escandoi, incidiu en que «Ortigueira, que é unha literatura en si mesma, unha vila marabillosa, ten un lugar de honor na xeografía cunqueiriana». E subliñou que o escritor mindoniense «fixo de Galicia un país infinitamente máis grande nos corazóns que nos mapas». O propio Loureiro, que agradeceu «o esforzo» realizado por Terras do Ortegal, foi quen descubriu a placa que o colectivo colocou na praza das Tres Farolas, no edificio onde residiu o creador de Escola de menciñeiros. A peza foi deseñada polos alumnos do ciclo de Carpintería e Moble do IES de Ortigueira.

 


Comentar