La Voz de Galicia

Libro de chistes

Ferrol ciudad

Eduardo Fra Molinero

04 Apr 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Sempre nos pasan cousas de chistes aínda que doian. En Ferrol un amigo subiu a Chamorro a dicirlle á Virxe que xa estaba ben de choivas. En vez de acender lampadiñas, apagounas. O chiste é «Patrimonio da Humanidade», aínda que a Unesco non o declare. Tampouco a Ferrol o dá declarado Patrimonio, nin Carballo Calero sobe ao Olimpo das Letras Galegas, pero iso non estorba para contar chistes.

No século XV un tal Poggio Bracciolini, funcionario do Vaticano, andaba á rebusca de códices gregos e latinos. Atopou no sur de Alemaña o códice De Rerum Natura de Lucrecio. Decatouse que o libro tiña abondo miga materialista e, precavido, deulla a ler ao seu amigo Maquiavelo, que fixo unha copia de seguridade. Poggio tamén temía que o libro, un chisco ateo, corría perigo de ser destruído e mandou facer copias. O libro salvouse.

Esta actividade tan seria non lle estorbaba outra afección, que era a de escribir chistes e anécdotas graciosas. De aí o seu libro de chistes, libro de facietae, como se dicía en Italia. Foi traducido a varios idiomas e divulgado por Francia, Inglaterra, España, Alemaña. Un éxito editorial.

O humor que non nos falte. Poggio lía todos os días ao poeta latino Marcial, que por certo era de Calahorra. Facíao como ximnasia mental, para ter a lingua rápida en ocorrencias e sátiras. Ademais dos libros de chistes (libri facietarum) sería ben ter libros de tolerancia. Que os plenos comezasen coa lectura dun chiste, con dereito a réplica por suposto. E a ver logo.


Comentar