La Voz de Galicia

Guau, Brumm!

Ferrol

Xan R. Silvar

02 May 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Vaia por diante, teño dous cans, pero non moto nin quad. Gústame pasear onde a praia durante todo o ano, así que coincido con outras persoas. Algunhas pasean, outras levan cans soltos, os menos con correa.

Tamén hai motoristas como facendo un Dakar local, acometendo dunas a chimpos e levantando vexetación que non rexenerará. Non é raro cruzar un quad ou ver as indelebles pegadas que deixaron as súas rodas.

Aos meus cans gústalles a praia tanto coma min; corren pola area e métense nas charcas con gusto, pero tan so van fóra do verán, cando os areais están desertos e, sempre, camiñando ao meu redor; no meu peto van bolsas para retirar os seus excrementos, os demais non teñen que participar dos seus restos, o mar non ten que ser o limpador do meu paseo.

Cando leo que se propón Santa Comba como praia autorizada para pasear os cans en verán, lembro as parellas que poderían criar nela de pernileiro común e píllara papuda (o primeiro escasísimo en Galicia, a segunda cun plan de protección) de non ter a presión das visitas humanas e caninas.

Sei tamén que hai na zona centos de quilómetros de pistas de terra, estradiñas e camiños con pouco tráfico e fermosas vistas para acoller eses paseos e así axudar a conservar a biodiversidade local.

Hai alternativas ao lecer menos agresivas, con opcións de paseo ou práctica do motorismo respectuosas coas praias e os seus habitantes.


Comentar