La Voz de Galicia

O documento nacional de identidade fixo 75 anos

Escuela

Fernando Pariente
Unha oficina de expedición do carné de identidade, o documento que acompaña aos españois toda a vida desde que se saca por primeira vez

O DNI atopou nos comezos as reticencias dunha poboación que pensaba que se trataba dunha artimaña do Goberno para poder ter a xente fichada

04 Dec 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Os que xa teñen anos encima aínda poden recordar tempos nos que non existía o DNI, pero hoxe é o documento habitual e imprescindible que serve para abrir todas as portas, ou para pechalas se non se ten. Está tan interiorizada a súa necesidade que o normal é non saír da casa sen comprobar se vai na billeteira.

Desde que se saca por primeira vez, como unha especie de iniciación á vida individual e independente, ata o falecemento é o compañeiro máis fiel. Por iso cando termina o seu período de vixencia e toca cambialo non é habitual facer un DNI novo, senón renovar o primeiro adaptándoo ás circunstancias máis actuais: fotografía nova, mesmas impresións dixitais.

 

IMPLANTACIÓN TITUBEANTE

Con todo, na súa orixe non todo foi tan claro. O concepto de identificar está bastante próximo ao de fichar. Estar identificado é como unha consecuencia de estar fichado. Se a autoridade dispón dos teus datos, quere dicir que lle resultará doado localizarte.

E ese foi o primeiro obxectivo: fichar para controlar ás persoas despois dunha guerra civil moi cruenta. Por iso a poboación española mirou con receo a súa implantación e case ninguén tiña moito interese en obtelo. Pero despois tamén se viu a súa utilidade para moitas situacións da vida diaria.

O pasado 2 de marzo foi o 75.º aniversario da súa creación legal mediante un decreto do Goberno do xeneral Francisco Franco, aínda que a súa implantación real foise atrasando. Dous anos máis tarde convocouse un concurso público para o deseño do documento, que gañou a empresa catalá de Aquilino Rieusset Planchón, debuxante que traballaba no deseño de selos e billetes.

Para celebrar a conmemoración do decreto de creación, o Museo Casa de la Moneda montou a exposición El DNI y los españoles. 75 años de historia en común (1944-2019), que se pode visitar ata o 6 de xaneiro do vindeiro ano.

 

 

 

CURIOSIDADES

Que pasa cos números das persoas que falecen? Alguén ten o carné co número un? Teñen DNI os reis? Hai algunhas preguntas que poden espertar a nosa curiosidade.

 

actividades 

A1. Para completar información sobre a creación do DNI pódese consultar a páxina web https://bit.ly/35nZLou

 

A2. Facede un recoñecemento na clase para ver cantos e quen tedes xa carné de identidade. Investigade para ver a que idade é obrigatorio telo. Comprobade por cales dúas cifras comeza o número de cada un dos DNI. Probablemente a maioría deles coinciden nas dúas primeiras cifras. Por que é así? Se algúns non coinciden, pescudade por que.

A3. Asociada ao número de cada DNI vai sempre unha letra colocada ao final. Investigade e pescudade de onde sae esa letra.


Comentar