La Voz de Galicia

O Ano Avelina Valladares despídese con versos da autora en bolsas de papel

Deza

rocío garcía a estrada / la voz

Deseños de Rosa de Cabanas adornan as bolsas que repartirán as librarías

10 Dec 2025. Actualizado a las 05:00 h.

O Ano Cultural Avelina Valladares vaise acabando e o Concello vén de presentar unha das últimas iniciativas, que busca dar difusión á obra da poeta sacándoa dos libros para exhibila en obxectos cotiás.

A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, fixo entrega este martes aos representantes das librarías da Estrada de bolsas conmemorativas do Ano Cultural Avelina Valladares, co propósito de que poidan empregalas durante esta campaña de Nadal.

As bolsas foron deseñadas pola ilustradora Rosa de Cabanas. Existen tres modelos diferentes, cada un coa súa propia combinación de ilustración e verso extraído da obra poética de Avelina Valladares. Concretamente, os escollidos pertencen a tres dos seus poemas en galego: A Ulla, Miña xoia y A pobre orfiña.

 

 

 

Á recollida destas bolsas acudiron representantes de Marxe, Faro, Lolimay, Pintaletras e Durán. Cada libraría percibirá 250 bolsas coas que neste Nadal os versos de Avelina Valladares voarán da man dos estradenses.

O Ano Cultural Avelina Valladares pecharase definitivamente nos vindeiros días, coa colocación dunha placa na escultura que lembra á Cantora da Ulla na Rúa da Cultura. Este acto busca deixar constancia física destes meses dedicados a valorizar a figura de Avelina Valladares como autora do Rexurdimento, como muller adiantada ao seu tempo e como escritora con voz propia.


Comentar