La Voz de Galicia

Neira Vilas, Anisia Miranda e Balbino, para sempre en Ponteceso

Deza

p. blanco redacción / la voz

Na aldea do Couto luce xa un mural en recordo do seu amor por estas terras

20 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

O Día das Letras Galegas no Couto (Ponteceso), ao pé da entrada desta aldea onde, xa para sempre, trasladada a arte e cor, quedará a pegada de amor que Neira Vilas, Anisia Miranda e Isaac Díaz Pardo deixaron nesta terra. Un mural de Mutante Creativo, retratando ao icónico Balbino, quedou inaugurado coa intervención da docente e «Balbina» Tamara Lema, quen estendeu o título de nenos e nenas de aldea a todos os presentes, desprazados dende a sede da Fundación Pondal seguindo o camiño musical aberto pola banda de gaitas Inllar.

Lema, quen trasladou toda a alma das primeiras páxinas de Memorias dun neno labrego á súa intervención, deulle paso a Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas. «Non deixo de sorprenderme da fonda pegada que Pepe Neira e Anisia deixaron nesta terra. Vin moitas veces, e non deixo de sorprenderme», afirmou aludindo ao impacto que lle produciu o traballo de Mutante. A creación reproduce a portada de Memorias dun neno labrego, autoría de Díaz Pardo, en Edicións do Castro.

Redondo repasou traxectorias e caracteres destes tres grandes amigos que foron Neira, Miranda e Díaz Pardo. O escritor cruceño Neira, o autor de Memorias dun neno labrego, pero tamén o de máis de 70 títulos, capaz de escribir en galego sobre os indios da Patagonia. Anisia, escritora, «tamén escritora», a rapaza que con cinco anos lle esixiu aos seus pais ser educada en lectura e escrita, a muller que quixo aprender o galego, a lingua primeira dos seus proxenitores emigrados en Cuba. Isaac Díaz Pardo, o grande divulgador do traballo de Neira na emigración, xunto con Alonso Montero. Ficarían felices vendo dende a aldea de Gres, en Vila de Cruces, o vivido este mércores no Couto.

Rematou o acto inicial do colectivo O Dezasete con Ai amor, a peza que sempre pedía Neira Vilas nunha festa. Un instante para o recordo da man de dúas integrantes de A Quenlla, «un trozo de cacho de pedazo da Quenlla», como diría Mero Iglesias, de quen desculparon a súa ausencia por motivos de saúde do seu entorno.


Comentar