«A Gouxa é a feira que mantén a tradición en volume de asistentes»
Deza
A carne ao caldeiro, prato estrela da gastronomía local, serve de reclamo para moitos
22 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.
As ganas de gozar despois de dous anos de pandemia fai que a hostalería viva un dos seus mellores momentos. Os locais ateigados de xente son unha boa proba diso, malia que algúns establecementos aposten só por abrir as súas portas un par de días ao mes. É o caso de dúas tabernas, ambas propiedade de Elena Fernández Fernández (Asperelo, Rodeiro), situadas na Gouxa-Dozón e Rodeiro; o Pendello Feira Vella e Bruxas e Coruxas respectivamente, nas que se atende á clientela nas feiras locais e por reserva de encargos.
—Abrir catro días ao mes as tabernas non é unha práctica moi habitual, alomenos por aquí.
—Non o é, non (sorrí), pero eu tiña claro que non quería pasar doce, catorce ou dezaseis horas ao día traballando nun local de hostalería de sete da mañá ata non sei que hora da madrugada. É unha profesión moi sacrificada, seino, e eu quería dedicarme a isto pero cun chisco de dispoñibilidade horaria. Iso foi o que me levou a abrir as tabernas os días de feira, e logo nas xornadas en que teño reservas.
—Que acollida está tendo está tendo esta fórmula?
—Persoalmente vaime ben. Os días 11 e 23 de cada mes teño aberta a taberna da Gouxa, e os días 15 e 28 a de Rodeiro. A xente xa o sabe despois dos anos que levo en activo, e non lle resulta nada estraño.
—A súa vida profesional sempre estivo ligada á hostalería?
—Digamos que parte si, e outra non. Explícome: crieime nunha taberna, traballei posteriormente nunha fábrica téxtil en Lalín, e logo voltei á hostalería. Son natural de Asperelo, no Concello de Rodeiro, e miña avoa Amelia tiña alí unha taberna que foi onde pasei a miña nenez xa que meus pais emigraron a Suíza. Cando voltaron, eles tamén montaron unha taberna de aldea, e pola súa parte meus irmáns puxeron en marcha a taberna Bruxas e Coruxas que está no casco urbano do pobo. Procedo, polo tanto dunha familia con moita raíz no mundo da hostalería. Eu viñen para Lalín para traballar no téxtil, pero chegou a crise no sector e, ao quedar sen emprego e meus irmáns cambiar de actividade e deixar a taberna de Rodeiro, decidín collela eu.
—E á par, outra na Gouxa.
—A taberna da Gouxa é máis nova que a de Rodeiro. Recentemente levamos a cabo unha rehabilitación do local, e ao estar onde se facía a antiga feira da Gouxa decidimos bautizalo como Pendello Feira Vella que, por certo, aínda non lle puxemos oficialmente o nome (ri).
—As feiras da contorna foron perdendo folgos, como recoñecen os propios vendedores ambulantes, respecto de anos anteriores. Iso é aplicable tamén aos establecementos de hostalería nos días feirados?
—A Gouxa é a feira que mantén a tradición en volume de asistentes. Non sei noutros concellos se os compañeiros notaron un descenso de comensais, pero aquí realmente vén moita xente. As feiras de Rodeiro, ao mellor, si que están menos concorridas pero as da Gouxa meten moita xente todos os 11 e 23 de cada mes, como será o caso mañá que é feira aquí.
—Onde radica entón o segredo da Gouxa?
—Penso que é pola tradición que ten esta feira no concello e nos municipios de toda a contorna, por estar ubicada nun sitio moi informal ao que tanto se pode vir en chándal, pantalón curto ou en traxe e garabata. Na Gouxa a xente séntese moi a gusto, e cando antes atopabas maioritariamente xente maior, agora cada vez acode máis xente moza.
—Cantos comensais pode atender nunha feira normal?
—Depende da xornada, claro, pero pode rondar a cifra de comensais entre 100 e 150 aproximadamente.
«As reservas que se fan son normalmente respectadas, non tiven problemas»
O prato típico de calquera feira galega segue sendo o polbo, e en Rodeiro e na Gouxa tamén, aínda que nesta última «a estrela é a carne ao caldeiro», afirma Elena. De feito o propio Concello de Dozón decidiu instaurar, desde anos atrás, a celebración dunha festa anual dedicada a ese prato gastronómico xunto coa bola con torresmos que se leva a cabo sempre a primeira fin de semana do mes de xuño. A calidade da carne de tenreira é moi apreciada polos comensais; «xa que é un produto moi fresco, un prato cociñado na hora, con auga da Gouxa, e todo iso fai que teña gran sona entre os que veñen a comelo».
E mentres algúns comensais se laian de reservas que posteriormente non se satisfacen ou de abandonar locais sen pagar, Elena comenta que iso só lle sucedeu unha vez e a pequeniña escala, «unha vez quedaron a deberme a comida dúas persoas que non se puxeron de acordo á hora de pagar, pero foi a única ocasión e habitualmente as reservas que se fan son respectadas». Co gallo de ampliar a carteira de servizos, Elena Fernández abriu precisamente a opción a comidas ou ceas na taberna, sempre por encargo e calquera día da semana; «e funciona moi ben xa que o cliente vai a seguro, encarga o que quere, para un número determinado de persoas; ata un máximo de 70 persoas, e teñen o local para eles para disfrutar dunha xuntanza que maioritariamente é de grupo familiar ou amigos».
As dificultades para atopar persoal no sector é un dos actuais atrancos da hostalería, lamenta Elena; «nin cualificados nin son cualificación e é unha mágoa xa que hai traballo nun sector no que somos de pedir, aínda que despois ao mellor nos pareza algo caro, pero todo subiu e nós usamos boa materia prima e hai que pagala».