A sublevación comeza en nós
Deza
29 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.
Estamos atrapados. Pero non sabemos exactamente en que. Nas dimensións dos pisos, no mileurismo, na dialéctica, na retórica, nas rebaixas, nos descontos. Estamos atrapados nas grandes superficies e nas pequenas hipotecas. Estamos atrapados na condición gregaria da especie e na esperanza de que, algún día, o carácter corrupto das relacións humanas nos favorecerá. Por iso toda sublevación debe comezar por nós mesmos.
Os protagonistas do zoo
Algunhas fantasías constantes do teatro, especialmente de Chéjov para acá, queren exhibir aos seus protagonistas no espazo metafórico das gaiolas. A convención di que os personaxes dentro, cas súas catro paredes invisibles, e os espectadores fóra. Poderiamos discrepar con serenidade e afirmar que todos estamos dentro desas catro paredes, pero o teatro ten esa virtude: parece ensanchar a liberdade dos espectadores. Tennesse Williams comparte ese gusto dos contemporáneos por colocar aos personaxes nunha circunstancia de laboratorio. Están xuntos, pero illados. Reaccionan como fluídos non newtonianos á inversa pero con certa previsibilidade. Son case sólidos cando agreden e vólvense líquidos cando son agredidos. Esa condición marca todas as posteriores porque ao cabo estamos atrapados dentro de nós e a nosa imaxe tamén está capturada por ese cento de espellos que inventamos para disimularnos.
Mecánicas da palabra
Un dos espellos utilizados con menos disimulo e con mellores resultados é o das palabras. Aí estamos na nosa propia trampa de querer explicalo todo sen decatarnos de que conseguimos xustamente o contrario. Entoldar a comunicación ata un punto no que só queda o ruído, quizais bonito, que producen as palabras. Ata quedar só con ese eco que en tantas ocasións se deixa confundir coa acción. Non deberíamos esquecer o efecto terapéutico das palabras, esa circunstancia que consegue que pasemos do loito ao alivio polo cable condutor da transformación das ideas en frases. Estou seguro de que a invasión de palabras que padecemos afoga algunhas boas cousas e despexa outras malas. Porque en ocasións contestar mediante as palabras a todo o que nos sucede é un remedio similar a ese de crear comisións de investigación para darlle aire a algúns asuntos. Unha maneira de deter as cousas, de facer que facemos ou de dar testemuño de que para moitas cousas estamos perfectamente paralizados pola nosa condición de xente impresionable e, por días, imperdoable.
Confiando en Monk
Seica Thelonius Monk decidiu, nunha época da súa vida, non saír moito da casa. Podería ter sido por prudencia ou por desgana porque o mundo leva moitos moitos anos repunante. El non saía pero a súa música si, que é a grande vantaxe dos músicos desque se inventou a gravación. Agora que a música xa nin sequera se enlata hai músicos que deciden revisar patrimonios musicais enteiros, case do mesmo xeito que os directores de teatro deciden repasar as obras completas de Ibsen para explicar que seguen contemporáneas. Monkillos confían en Monk e na capacidade da súa música para seducir e para demostrarse a si mesma e a un tempo sofisticada e primitiva. Cruzada de tantas influencias que só podía ser unha música cunha circunstancia peculiar. Unha desas maneiras musicais que deixan unha estela que aínda pode cruzarse con outra infinidade máis de estelas. E sen palabras. Directamente.
¿É obrigatorio o amor dos seres queridos?
A Elodio y los seres queridos xa lle vai chegando a hora de cambiar a súa posición nos carteis. Deixar o espazo frío de telonear e dar un paso adiante asumindo unha tipografía protagonista na cartelería. Porque na música pop, a pesar do que digan os aborrecidos, o mundo é moi complicado e case ninguén toma en serio a ninguén a menos que sexa unha comisión de festas confundindo o pop con unha operación de trunfo. Pero as cancións están aquí para demostrar que aínda hai vida intelixente no mundo pop que se respecta a si mesmo. E non fai falta dicir que son numericamente os menos.